Un consorcio europeo impulsa o proxecto IM-SAFE para actualizar o estándar de control e seguridade das infraestruturas de transporte

O viaduto Polcevera, tamén coñecido como ponte Morandi, en Xénova, viuse abaixo en agosto de 2018 levándose con el a vida de preto de medio cento de persoas. O seu derrubamento causou un fondo impacto en Italia tanto pola cantidade de vítimas como porque non se tiña detectado ningún tipo de problema técnico que fixera sospeitar algún risco no viaduto. “A partir de aquí, a Comisión Europea tomou cartas no asunto”, explica o catedrático Pedro Arias e, entre outras iniciativas lanzou, lanzou unha convocatoria H2020 para proxectos relacionados co liderado industrial, a fabricación e os procesos avanzados e os novos materiais. O proxecto IM-SAFE, impulsado por un consorcio de dez universidades, centros de investigación e empresas de oito países (Holanda, Noruega, España, Austria, Alemaña, Italia, Polonia e Suíza). O Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo é un do membros deste consorcio, liderado por Nederlandse Organisatie voor Toegepast Natuurwetenschappelijk Onderzoek, que ten como finalidade apoiar á Comisión Europea e ao Comité Europeo de Normalización (CEN) para actualizar o estándar de control para o mantemento e seguridade óptimos da infraestrutura de transporte baseado nunha visión completa das tendencias, desafíos, boas prácticas e desenvolvementos tecnolóxicos, incluída a integración de innovacións dixitais.

Esta iniciativa, explica Pedro Arias, investigador principal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, ten como obxectivo “evitar calquera tipo de situación como a descrita na Ponte Morandi en calquera outra infraestrutura de transporte, aínda que as normativas do Eurocódigo tamén se aplicarán as infraestruturas de nova construción”.