Publicada a resolución cos traballos gañadores da nova edición deste reto
Un equipo de investigadoras e investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, liderado pola investigadora Aida Díez Sarabia, acaba de demostrar a viabilidade de producir hidróxeno utilizando residuos agroindustriais biodegradables como peles de froita e vexetais. Así se presentou na xornada científica Cintecx Annual Challenge, un encontro no que as investigadoras e investigadores do centro amosan os resultados do proxecto gañador da anterior edición do reto, neste caso a de 2023, e se desvela a proposta gañadora da nova edición, que terá agora un ano por diante para levarse a cabo.
Tal e como explicou na xornada a investigadora Aida Díez, o proxecto partiu da necesidade de encontrar fontes de enerxía para suplir a crecente demanda da poboación. Para conseguilo propuxeron a xeración electroquímica de hidróxeno como unha alternativa ás enerxías renovables tradicionais, independente das condicións medioambientais que limitan ás enerxías solar e eólica. A novidade introducida nesta investigación foi, segundo apuntou a investigadora, a utilización de catalizadores biodegradables para a obtención de hidróxeno, o que tradicionalmente require catalizadores metálicos para a súa produción.
O equipo de Cintecx conseguiu sintetizar novos catalizadores para competir cos convencionais, utilizando simplemente eses residuos da agricultura. Esta conversión acadouse aplicando un tratamento térmico que facilitou a produción de materiais libres de metal para a rotura electroquímica da auga e obter hidróxeno. Os resultados acadados amosaron unha calidade excepcional dos catalizadores sintetizados termicamente e están recollidos nun vídeo resume do desenvolvemento e principais logros do proxecto.
Challenge 2024: o reto continúa
O equipo continuará a investigación ao longo deste ano, xa que decidiron repetir candidatura cunha nova proposta, ampliando o equipo con membros doutros grupos pertencentes ao centro. Finalmente, a súa proposta resultou foi valorada positivamente por parte do comité científico do Challenge 2024, xunto con outra proposta, liderada neste caso polos investigadores Raquel Pérez Orozco e Iago Pozo, titulada Estratexias sostibles para a conservación da arte urbana, un traballo que empregará como casos de estudo pinturas localizadas nas áreas de Vigo, incluíndo o propio campus, e A Cañiza. A resolución xa está publicada na páxina do Challenge 2024.
15.000 euros para resolver retos de I+D entre distintos grupos
Esta é xa a quinta edición do Cintecx Annual Challenge, unha convocatoria competitiva que financia con 15 000 euros proxectos de I+D do ámbito das tecnoloxías industriais impulsados de maneira colaborativa polo persoal do centro pertencente a diferentes grupos de investigación.