CINTECX celebra o día da muller e a nena na ciencia coa Exposición «Mulleres Investigadoras»

A exposición «Mulleres Investigadoras no CINTECX» con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia, recolle as imaxes de 12 científicas que animan ás nenas e aos nenos a facer ciencia sen estereotipos de xénero. Esta iniciativa busca promover por igual as vocacións investigadoras e científicas na rama do coñecemento das ciencias técnicas

Esta exposición, concibida como unha acción divulgativa e de sensibilización, recolle as ilustracións das doce investigadoras que participaron no calendario CINTECX 2025. A través de ilustracións que recollen a súa esencia e compromiso coa ciencia, e con mensaxes dirixidos á mocidade, as científicas reflicten a súa experiencia poñendo en valor a importancia de romper barreiras. Esta mensaxe resoa ao longo da exposición, que busca demostrar que o talento e a paixón pola ciencia non teñen xénero.

A variedade das invesigadoras, incide na necesidade de abordar a ciencia dende unha perspectiva multidisciplinar, reflictindo a diversidade dos grupos de investigación e do persoal do centro. O percorrido expositivo ofrece unha visión do amplo abano de áreas de coñecemento que conflúen en CINTECX, un dos seus principais sinais de identidade e fortalezas.

«Debemos eliminar os estereotipos nas disciplinas STEM para que calquera persoa poida desenvolverse profesionalmente independentemente do seu sexo» Teresa Rivas, protagonista do mes de xaneiro.

A iniciativa non só busca poñer en valor o talento e a traxectoria das mulleres científicas que forman parte da exposición, senón tamén servir de inspiración para as novas xeracións, mostrando referentes femininos nas disciplinas STEM.

As frases motivadoras e historias sobre a súa experiencia recollidas tanto nesta mostra como no calendario están especiamente dirixidas a tódalas cativas con interese en comezar esta carreira. É por isto que cada investigadora comparte a súa visión sobre a importancia da ciencia e a tecnoloxía na sociedade actual, así como a necesidade dunha maior presenza feminina nestes ámbitos.
Ademais, as protagonistas destacan non só fitos na súa traxectoria investigadora, senón tamén as motivacións que os impulsan a seguir innovando, investigando e contribuíndo ao desenvolvemento do coñecemento.

«As mulleres na ciencia rompen barreiras, demostrando que o talento non ten xénero» Antía Fernández, protagonista do mes de febreiro.

Ao longo de todo este mes pode visitarse Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, a exposición Mulleres investigadoras Cintecx 2025, inaugurada a pasada semana, na que se poden ver os carteis coas ilustracións das investigadoras do calendario 2025 do centro, 12 láminas nas que se pon en valor o traballo de 12 das súas científicas e, en xeral, o traballo da muller na investigación. Coincidindo coa inauguración da mostra celebrouse tamén unha mesa redonda con participantes de distintos ámbitos sobre mulleres na investigación. A través de visitas guiadas e actividades divulgativas, os asistentes poderán coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve no CINTECX e compartir experiencias cos seus protagonistas.

Con iniciativas coma esta, CINTECX reafirma o seu compromiso coa igualdade na investigación, promovendo referentes femininos na ciencia e contribuíndo a construír un futuro máis diverso e integrador, co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade e espertar as vocacións científicas dende pequenos.