O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo celebrou este venres unha nova edición da campaña de sensibilización en materia de xénero Cámara Aberta Cintecx ás Mulleres e Homes STEM, unha iniciativa coa que o centro busca visibilizar a realidade persoal e profesional do persoal investigador, promovendo a igualdade de xénero e a conciliación no ámbito científico e tecnolóxico.
Coincidindo coa recente celebración do Día dos Homes pola Igualdade (21 de outubro), o evento, financiado pola Unidade de Igualdade, permitiu coñecer de primeira man os testemuños gravados de mulleres e homes investigadores do centro, amosando como integran a súa carreira profesional coa vida persoal. A través destas voces, identificáronse diferenzas, barreiras e elementos de mellora que fomentan a toma de conciencia e a implicación activa da comunidade científica.
Unha cámara que visibiliza realidades
A directora de Cintecx, Ángeles Sanromán Braga, inaugurou a xornada coa proxección do vídeo resumo da campaña, que permitiu abrir o debate sobre os retos pendentes e as oportunidades de mellora, grazas aos testemuños dos trece investigadores e investigadoras e persoal técnico entrevistados na gravación.
A través de entrevistas audiovisuais, Cámara Aberta Cintecx ás Mulleres e Homes STEM pretende amosar o día a día dos investigadores e investigadoras máis aló dos laboratorios. O obxectivo é coñecer como xestionan as súas responsabilidades familiares, as tarefas do fogar e os coidados, e como estas dimensións da vida persoal inflúen —ou se ven influídas— pola súa traxectoria científica.
“Se na primeira edición a protagonista foi a experiencia das mulleres investigadoras, nesta nova entrega intégranse tamén os testemuños dos homes, co fin de ofrecer unha visión máis completa e comparativa. A suma de voces permite identificar diferenzas, barreiras e oportunidades de mellora que contribúan a unha maior sensibilización en materia de xénero dentro da comunidade científica”, destacou Sanromán.
A continuación, Carmelo Morales Pérez, enxeñeiro industrial en Emenasa e representante do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, abordou os retos da conciliación na contorna industrial, destacando a necesidade de políticas que favorezan a corresponsabilidade e a igualdade de oportunidades.
Testemuños que humanizan a ciencia
Christian Gil Pereira, investigador do grupo GTE de Cintecx, compartiu a súa experiencia persoal dentro da iniciativa Cámara Aberta, achegando unha visión íntima sobre como compatibiliza a súa carreira científica coas responsabilidades familiares e os coidados. A súa intervención puxo rostro á realidade cotiá de moitos investigadores, rompendo estereotipos e humanizando o perfil científico.
Seguidamente, Mar Fernández Cendón, técnica da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, presentou as iniciativas sobre corresponsabilidade e conciliación e falou en profundidade da iniciativa Homes de coidado, que busca implicar aos homes na corresponsabilidade e visibilizar o seu papel nos coidados, tradicionalmente invisibilizado.
Igualdade como motor de cambio
Un dos momentos centrais da xornada foi a mesa redonda titulada Conciliación e carreira investigadora. Identificando barreiras e aspectos de mellora, moderada por Ángeles Sanromán Braga. Nela participaron Carmelo Morales Pérez (ICOIIG), Marta Pazos Currás (Cintecx), Christian Gil Pereira (Cintecx) e Mar Fernández Cendón (Unidade de Igualdade), quen compartiron as súas experiencias e reflexións sobre os desafíos que enfrontan os investigadores e investigadoras para compatibilizar a vida profesional coa persoal.
Durante o diálogo abordáronse barreiras estruturais como o impacto da maternidade na carreira investigadora, a esixencia dunha dedicación extrema que moitas veces impide desconectar, a elevada temporalidade dos contratos, e a falta de recoñecemento dos coidados máis aló da maternidade e paternidade, como o coidado de persoas maiores ou enfermas. Tamén se sinalou que, a día de hoxe, son maioritariamente as mulleres quen se acollen á redución de xornada, e que os horarios e a distribución da docencia seguen condicionando as posibilidades reais de conciliación.
Marta Pazos destacou que a flexibilidade no ámbito investigador, lonxe de facilitar a conciliación, pode converterse nunha trampa: “Estamos sete días á semana pensando na investigación. As universidades deberían axudarnos establecendo prazos e planificacións que permitan separar a vida profesional da persoal”. Tamén subliñou que os horarios docentes, que en ocasións se estenden desde primeira hora da mañá ata a noite, dificultan aínda máis o equilibrio entre traballo e vida persoal.
Carmelo Morales coincidiu en que a flexibilidade trouxo avances, pero advertiu que o teletraballo dilúe os límites entre fogar e traballo, o que pode xerar novas tensións. Christian Gil, pola súa parte, defendeu a necesidade de protexer institucionalmente os tempos de coidado: “Se imos estar mínimo 35–40 anos traballando, dedicar un ou dous anos ao coidado dos fillos de maneira íntegra e estando protexidos pola administración é algo que a nosa sociedade se pode permitir.”
Mar Fernández Cendón insistiu en que o teletraballo non debe confundirse cunha medida de conciliación, senón que é simplemente unha fórmula laboral que require límites claros: “Hai que poñer atención nos horarios e na desconexión dixital. Hai empresas e centros que xa non poñen reunións antes das 9:30 h para facilitar a conciliación.”
A pesar dos retos, tamén se recoñeceron avances importantes nos últimos anos, como a ampliación da baixa de paternidade, a redución da carga docente nos primeiros anos de maternidade, a aplicación de medidas correctoras na avaliación de publicacións científicas durante os dous primeiros anos de maternidade, e a implantación de horarios flexibles na maioría dos casos.
A mesa redonda concluíu cunha chamada colectiva a seguir avanzando cara a unha investigación máis humana, que recoñeza os tempos vitais e promova unha cultura de corresponsabilidade real, onde homes e mulleres se impliquen como axentes de cambio.











