Universidade e Asime suman forzas para producir e distribuír pantallas de protección facial contra o coronavirus

Unha iniciativa popular e sen ánimo de lucro destinada a loitar contra o coronavirus, co obxectivo de deseñar, producir e distribuír pantallas de protección facial para centros sanitarios, corpos e forzas de seguridade do estado e demais actores que loitan contra a pandemia. Isto é EscudoCovid19, unha idea nacida na Universidade de Vigo, da man de José Luis Martínez Lastra, director do centro de investigación Cintecx, quen ademais coordinou para Galicia o proceso de deseño, produción e loxística da pantalla, xunto a outros investigadores do propio centro e do campus de especialización Vigo Tecnolóxico. “En situacións excepcionais como esta, necesítanse solucións diferentes, onde acheguemos valor de xeito rápido e sinxelo. A Universidade de Vigo, como axente xerador e posuidor de coñecemento, está ao servizo da sociedade e neste intre, quixemos contribuír cunha implicación maior e directa a través desta iniciativa”, explica Lastra, que tamén sinala que a clave do proceso é un deseño minimalista, que posibilita tempos de produción mínimos, en contraposición a outro tipo de procesos con tempos e prezos moi elevados.

Pola súa banda, Asime uniuse á causa desde un principio, achegando a súa capacidade como subministrador de material e mobilizando ao tecido empresarial galego para impulsar a rápida implementación do proxecto. Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, asegura que “desde Asime, unha organización que integra a máis de 600 empresas, entendemos que a nosa industria debe estar á altura das circunstancias. Por iso decidimos impulsar esta iniciativa desde un principio, con toda a nosa capacidade económica e tamén produtiva e de fabricación. Só xuntos, unindo forzas nestes delicados momentos, conseguiremos contribuír á loita contra esta pandemia”.