Diseño y síntesis de nuevos materiales para la generación de H2 como fuente de energía renovable é o título da proposta coa que a investigadora do Centro de Investigación de Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) Aida María Díez Sarabia gañou a cuarta edición do Cintecx Challenge, unha convocatoria anual de axudas, na modalidade de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre o persoal investigador integrado no centro. Acadar un impacto social relevante na rexión é un aspecto importante deste desafío, de xeito que os resultados da proposta gañadora poidan ser defendidos, entre outros, a través do Programa de Divulgación Científica de Ciencia Singular da Xunta de Galicia.
Aida María Díez Sarabia, presentou a única candidatura que concorreu á cuarta edición do Cintecx Challenge, e na que, no equipo de traballo está prevista a participación de cando menos dous grupos de investigación do centro, aínda que queda aberta a posibilidade de incorporar outros investigadores e investigadoras. Contrastada a calidade técnica da memoria presentada, así como solvencia do equipo de traballo, a proposta Diseño y síntesis de nuevos materiales para la generación de H2 como fuente de energía foi refrendada como gañadora da cuarta edición do Cintecx Challenge.