Un cento de estudantes coñecen en Cintecx a tecnoloxía que creará unha sociedade industrial e sostible

“Buscamos transmitir á sociedade en xeral non só todas as actividades que realizamos, senón tamén que a tecnoloxía nos axuda a conseguir unha sociedade industrial e sostible comprometida coa conservación do planeta”. Así explica José Luis Martínez Lastra, director do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx), as actividades que o centro está a desenvolver ao abeiro do programa Divulgando Ciencia Singular e que arrancaron este xoves coa visita de máis dun cento de estudantes do IES do Castro de Vigo. Ao longo da mañá as rapazas e rapaces coñeceron da man do persoal investigador diferentes laboratorios e proxectos que se están a levar a cabo por grupos relacionados coa enxeñaría industrial e a enxeñaría de minas e enerxía.

Con actividades visuais e prácticas, o alumnado achegouse, por exemplo, ao ámbito da enxeñaría biomédica e os biomateriais e as súas achegas na mellora da calidade de vida da sociedade. Os mozos e mozas tamén analizaron o uso de recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais e viviron experiencias prácticas sobre cuestións relacionadas coas reaccións químicas de combustión. Puideron tamén realizar ensaios básicos con mostraxes reais sobre o comportamento do macizo rochoso no laboratorio de mecánica de rochas e probaron os métodos empregados para a avaliación de calquera tratamento de conservación de patrimonio cultural como os graffitis.