Pedro Arias, medalla Isidro Parga Pondal da Real Academia Galega de Ciencias

«O galardón recibido “non só recoñece os meus esforzos, senón tamén o apoio da miña familia e a dedicación do meu equipo»

O investigador de CINTECX considera que o galardón recibido “non só recoñece os meus esforzos, senón tamén o apoio da miña familia e a dedicación do meu equipo e de todas as persoas que me teñen apoiado o longo deste camiño”

DUVI 02/10/2024
“Recibir a Medalla de Investigación en Ciencias Técnicas é un privilexio e supón un recoñecemento por parte da RAGC, polo que estou moi agradecido”. Así valora Pedro Arias Sánchez (Lugo,1965), catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e investigador do Cintecx, a súa elección por parte da sección de Ciencias Técnicas da Real Academia Galega de Ciencias para recibir a medalla Isidro Parga Pondal, coa que se recoñece o seu labor no campo das Ciencias Técnicas.

Xunto a Pedro Arias, a RAGC tamén premia, neste caso coa medalla Domingo García Sabell en Ciencias Económicas e Sociais, ao catedrático de Economía Aplicada Santiago Lago Peñas, incorporado este curso á Universidade de Santiago de Compostela, logo que o Consello de Goberno da UVigo celebrado o pasado mes de maio acordase aprobar a súa solicitude de comisión de servizos. O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, con sede en Vigo, Antonio Figueras Huerta; o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC Alberto Bugarín Diz e o catedrático Diego Peña Gil, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC completan a relación de galardoados na sexta edición das Medallas de Investigación da RAGC, coas que se valoran as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas, para tratar de difundir entre a sociedade o aprecio polos valores científicos.

As medallas serán entregadas no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o 8 de outubro no Paraninfo da USC.

Un premio compartido para un brillante labor investigador

Pedro Arias considera que o galardón que lle outorga a RACG no campo das Ciencias Técnicas “non só recoñece os meus esforzos, senón tamén o apoio da miña familia e a dedicación do meu equipo e de todas as persoas que me teñen apoiado o longo deste camiño”.

Coa medalla Isidro Parga Pondal a Real Academia Galega de Ciencias destaca o brillante labor do investigador principal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx da UVigo, ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial coa información xeoespacial. A RAGC tamén valorou que o catedrático da UVigo aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos