O MTI, sede de Cintecx, será o primeiro edificio da UVigo con xemelgo dixital

O MTI, sede de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, converterase antes de finais de ano no primeiro edificio da Universidade de Vigo cun xemelgo dixital, unha réplica virtual realizada a imaxe e semellanza do propio edificio, o que facilitará o control en tempo real da calidade do aire do interior das instalacións, incluíndo parámetros como os niveis de dióxido de carbono, temperatura, humidade ou gas radon, factores clave para garantir as cuestións relacionadas coa saúde e a eficiencia enerxética destas instalacións. Este traballo é a proposta gañadora do Desafío Cintecx 2020, un concurso de ideas e proxectos financiado por Cintecx con 25.000 euros, cantidade que se destinará integramente ao desenvolvemento deste proxecto.

Coordinada polo investigador Enrique Granada, do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas, esta proposta levarase a cabo ao longo dos vindeiros meses e consistirá na representación dixital de múltiples vistas do Módulo Tecnolóxico Industrial. En particular o xemelgo dixital centrarase no andar -1 do edificio, onde están instaladas un gran número de infraestruturas empregadas polos grupos de investigación do Cintecx, centro adscrito ao campus de especialización do Vigo Tecnolóxico, e facilitará a monitoraxe de todas as condicións ambientais do edificio.