Investigadores de Cintecx lideran un proxecto europeo para reducir e reciclar materiais de construción desde a fase previa á demolición

Co obxectivo de diminuír a cantidade de residuos e fomentar prácticas circulares o proxecto SUM4Re ten un orzamento de 6,5 millóns de euros e agrupa socios de nove países

Mª DEL CARMEN ECHEVARRÍA FIGUEROA DUVI 13/06/2024
Os residuos de construción e demolición, excluídos os de minería, representan o maior fluxo de refugallos da UE en número de toneladas totais. Concretamente no ano 2020, a cantidade total de residuos de construción e demolición nos países da Unión Europea foi de 330 millóns de toneladas (Mt), excluídas escavacións e actividades de dragado, ao tempo que o uso intensivo de materias primas no sector da construción representa máis do 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro, se se contabiliza o uso de materiais primarios, ameazados pola súa escaseza, alto valor económico e pegada ambiental.

Aínda que a taxa de recuperación dos residuos de construción e demolición na UE é alta, estes restos, non obstante, utilízanse principalmente en aplicacións de baixo valor engadido, como recheos e outros sistemas de construción de baixo valor. “Todos, ou case todos, os subprodutos da construción poden ser reciclados, a clave é o custo destes materiais secundarios cando chegan o mercado, de xeito que non sexa superior ao dos materiais primarios baseados en consumo de novas materias primas”, explica o catedrático da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo e investigador de Cintecx Pedro Arias Sánchez, que tamén confirma que a tecnoloxía está máis desenvolvida para a elaboración de produtos a partir de materias primas, que para materiais secundarios elaborados a partir de produtos da reciclaxe. En canto aos subprodutos con maior penetración no mercado, estes varían en función das zonas de Europa, condicionado polos materiais máis demandados no ámbito da construción, aínda que Arias sinala que “en termos de aforro de CO2, a reutilización dos residuos de formigón é, con moito, o maior potencial de aforro, seguida da reciclaxe de aceiro, asfalto, madeira e PVC. Mentres, o 30% dos residuos da construción e demolición van o vertedoiro”.

É neste escenario e aliñado coa Axenda Verde que a UE está a promover nos últimos anos, no que bota a andar SUM4Re, Creating materials banks from digital urban mining (Creación de bancos de materiais a partir de minería urbana dixital), un proxecto de investigación, liderado pola UVigo e no que participan socios de nove países europeos. Financiado con seis millóns de euros e un presuposto total de seis millóns e medio, a través do programa Horizonte Europa, SUM4Re ten o triplo obxectivo de reducir os residuos, reciclar materiais e revalorizar estes subprodutos no ámbito da construción como materiais secundarios, cun matiz clave, “que todos estes obxectivos son dirixidos ás construcións e infraestructuras construídas en fase previa ás accións de demolición ou desmantelamento, de xeito que este proceso se planifique e deseñe mantendo o obxectivo de redución de residuos e fomento das prácticas de construción circular”, explica Pedro Arias, investigador principal (IP) do proxecto.

Demoler “de xeito ordenado”

Universidade de Vigo, Universidade de Ciencias Aplicadas de La Haya, Centro de Investigación Técnica de Finlandia VTT. Fundación Tecnalia e o concello da Haya, son as institucións que participan neste proxecto, que conta ademais cun consorcio formado por 17 entidades do sector da construción de Noruega, Países Baixos, España, Alemaña, Bélxica, Estonia e Suíza, “un indicador claro do interese do proxecto, que esperemos axude a estimular o sector empresarial para que a UE siga a ser un referente neste ámbito a nivel mundial”, sinala o IP do proxecto, que incide na relevancia do inicio das accións da redución de residuos, reciclado e revalorización dos subprodutos dende fases moi temperás e de xeito previo aos procesos de demolición ou desmontaxe de infraestruturas construídas existentes.

“A hipótese inicial é que se tes localizados, caracterizados e cuantificados os materiais, a demolición (ou rehabilitación, ou desmantelamento) vaise poder facer de xeito ‘ordenado’ para que se poidan incrementar as taxas de recuperación do material e con menor custo de procesado posterior, para a súa transformación en materiais secundarios”, detalla Pedro Arias, que traballará neste proxecto xunto aos investigadores e investigadoras do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas. O grupo da UVigo contará para desenvolver a súa actividade co 15,4% do total do orzamento do proxecto, 922.500 euros, o que lles permitirá “abordar a concepción do problema dende as fases iniciais previas á demolición”, explica o IP.