A plataforma EscudoCovid.19 pon fin a súa actividade, que comezou a finais do pasado de marzo, cun balance “moi positivo”, asegura o seu promotor e director do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, (Cintecx), José Luis Martínez Lastra. “Nunca pensei que chegaríamos a unha produción de pantallas acumulada de máis de 236.000 escudos a nivel nacional, dos que 56.000 corresponden a Galicia”, asegura o docente e investigador, que puxo en marcha a iniciativa para loitar contra o avance da COVID-19, nun primeiro momento, valéndose da súa amizade coa empresa madrileña Trovican, onde se deseñou unha pantalla con suxeición por brida e que se podía facer troquelando o material. Unha vez que o deseño se facilita en aberto para uso non comercial, moitas empresas do gremio sumáronse á iniciativa, que no caso de Galicia ponse en marcha a partir dunha conversa de Martínez Lastra cos investigadores de Cintecx Enrique Granada e Pedro Arias. “Rapidamente, puxémonos a traballar coa subdirectora do centro, Itziar Goicoechea, co director do Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva, e a vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, a buscar soporte industrial, que finalmente atopamos en Asime”, explica o director de Cintecx, que para levar os seus plans á práctica tamén contou coa colaboración do docente José Antonio Pérez, que “foi a persoa que estivo a pé de fábrica organizando e colaborando na produción de Valver, empresa, que aínda sen estar asociada a Asime, foi o centro de produción en Galicia”.
Transcorridos preto de dous meses desde a súa posta en marcha, EscudoCovid.19 remata a súa actividade non só cun balance moi positivo, segundo o seu promotor, senón tamén coa satisfacción “de saber que o teu traballo na universidade axuda á sociedade, que é quen nos mantén grazas aos seus impostos. Galicia en xeral, e Vigo en particular, ten un tecido industrial moi receptivo ao que se lle formula desde a universidade e esta colaboración foi fantástica e quero agradecer a Enrique Mallón, xerente de Asime o seu traballo”, sinala Martínez Lastra, que considera que “con evitar un só contaxio, o traballo mereceu a pena”. No mesmo sentido, Mallón asegura que “desde o primeiro momento desta crise, desde Asime entendemos que debiamos estar á altura das circunstancias e por iso volcámonos de cheo nesta iniciativa solidaria coa Universidade de Vigo. Nela púxose en valor a importancia da colaboración empresa-universidade, conseguindo repartir miles de pantallas coas que contribuímos a protexer ao persoal sanitario e asistencial que loita cada día contra o virus en primeira liña”.