Catalizadores ecolóxicos, mecánica de rochas e recursos hídricos, así son as propostas gañadoras de Cintecx Challenge’25

Durante a xornada tamén se presentaron os resultados dos retos propostos en 2024

Los ganadores del Challenge'25 junto a la directora y subdirector de CINTECX. De izquierda a derecha, Mario Soilán, María Pazo, Antía Fernández, Ignacio Pérez, Ángeles Sanromán, Aránzazu Pintos y Félix Quintero

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, deu a coñecer este mércores as tres propostas gañadoras de Cintecx Challenge’25, unha convocatoria anual de axudas dirixida a financiar o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre os diferentes grupos adscritos ao centro, pensando sobre todo, en impulsar as propostas das investigadoras e investigadores máis novos. Por diante teñen un ano para levar a cabo estes proxectos para o que contarán cunha axuda de 7500 euros para cada un deles.

Nesta ocasión os traballos xirarán entorno a tres temáticas: catalizadores ecolóxicos, mecánica de rochas e xestión de recursos hídricos, “todas representativas das áreas temáticas e liñas estratéxicas do centro, como a produción de hidróxeno, a fabricación aditiva e a sustentabilidade e recursos naturais”, explicou a directora do centro, Ángeles Sanromán Braga.

Nunha xornada na que tamén se deron a coñecer os resultados dos proxectos que se levaron a cabo en 2024, Sanromán destacou que “a posta en marcha destes proxectos permite a interacción entre diferentes grupos e achegar valor, contribuíndo o labor de divulgación do centro”. Así mesmo, fixo fincapé en que “o Challenge é unha oportunidade para iniciar proxectos colaborativos que poden ter continuidade e ampliar horizontes”, destacando que se trata dunha pasarela para pór a proba a investigación interdisciplinar a nivel centro, coa que os investigadores e investigadoras adquiren as destrezas necesarias para enfrontarse a retos de maior envergadura, tanto a nivel nacional como internacional.

As propostas galardoadas no Challenge’25 foron a coordinada por Antía Fernández Sanromán e Pablo Pou Álvarez, Catalizadores ecolóxicos multifuncionais baseados en nanotecnoloxía para aplicacións enerxéticas e medioambientais (Eco-NanoxCat); a proposta de Ignacio Pérez Rey e Aránzazu Pintos Alonso, Análise do comportamento mecánico de rochas en tracción confinada, Traconroc; e a de Mario Soilán Rodríguez e María Pazo Rodríguez titulada Xeración automatizada mediante modelos de linguaxe de redes BAYESianas para a xestión de recursos hídricos, Gal-Bayes.

Resultados do Challenge’24: hidróxeno verde…

Tras un ano de traballo, as propostas gañadoras da convocatoria Cintecx Challenge’24, aproveitaron esta xornada para presentar publicamente os resultados das súas investigacións. A primeira en intervir foi Aida Díez Sarabia, responsable do proxecto Optimización e escalado da rotura electroquímica da auga para a xeración de H2, un traballo no que utilizaron residuos agroindustriais como catalizadores para a rotura electroquímica da auga co obxectivo de obter hidróxeno verde. Tal e como indicou a investigadora, “aumentamos a área electroquímica activa, conseguindo unha maior estabilidade, logrando que estes catalizadores sexan máis eficientes”.

Recentemente recoñecida cunha bolsa Ramón e Cajal, converténdose na galega máis nova en recibir esta axuda, Díez Sarabia aspira a dar continuidade a este proxecto, ampliando os seus horizontes e posibilidades, a través de propostas internacionais a nivel europeo.

…e conservación de arte urbana

A continuación, Iago Pozo Antonio, investigador do grupo Gessmin, presentou os resultados da outra proposta gañadora do Challenge’24, Estratexias sostibles para a conservación da arte urbano, Smart, coordinado conxuntamente coa investigadora Raquel Pérez Orozco, do grupo GTE. Segundo indicou Pozo, “o obxectivo do proxecto é obter unha ferramenta capaz de optimizar a conservación preventiva de pinturas murais expostas a determinadas condicións, en función da súa orientación e condicións meteorolóxicas ás que están expostas”.

No proceso utilizaron modelos de machine learning ou aprendizaxe automática, antes de estudar a pintura en contornas reais, para simular o seu proceso de degradación, explorando tamén o uso dun protector para retardar os cambios na cor das pinturas cando están expostas. “Sabendo as características dunha pintura e as do muro no que se atopa, poderemos saber se esa pintura vai perdurar no tempo e se o protector utilizado vai ser eficaz”, sinala Pozo. Os resultados deste proxecto obtiveron o galardón de mellor Conference Paper no X Congreso MetroArcheo2024, celebrado o pasado mes de outubro en Malta.