DUVI 26/11/2024
A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa acaban de resolver a primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores novos. A profesora da Universidade de Vigo Belén Riveiro é unhas sete mulleres distinguidas con estes galardóns, que nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.
Riveiro, profesora do Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción e investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, foi distinguida polas súas achegas ao avance das Ciencias Técnicas, en concreto polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas.
“Para min é unha honra recibir o recoñecemento á miña traxectoria por parte dunha institución tan prestixiosa como é a RAGC. Paréceme moi importante a existencia de iniciativas que traten de visibilizar o talento e a excelencia dos investigadores durante a etapa na que, quizais, se realizan os maiores esforzos por chegar a consolidar unha carreira académica excelente”. Ademais, engade, “como muller que trata de compatibilizar a carreira académica coa maternidade, recibo este premio como un impulso para seguir apostando pola ciencia excelente”.
Intelixencia artificial para diagnosticar a saúde das estruturas civís
O xurado apostou pola candidatura de Belén Riveiro por liderar novidosas liñas de investigación que combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a intelixencia artificial para a avaliación de estruturas de enxeñaría civil como pontes, estradas e vías férreas, permitindo diagnosticar a súa saúde e poder así anticipar a aparición de posibles colapsos. Riveiro participa en proxectos nacionais e internacionais e ten publicado os seus resultados en revistas como Nature, que recolleu un traballo seu sobre os riscos aos que se enfrontan as pontes. Recibiu en 2022 o Premio Nacional de Investigación Matilde Ucelay para novos investigadores e é autora de seis patentes e catro rexistros de software e o financiamento captado como investigadora principal supera os 5,5 millóns de euros. O seu prestixio nacional e internacional levouna a coordinar a Red Nacional en monitorización e inspección para la evaluación de estructuras en servicio, que aglutina os grupos de investigación máis recoñecidos en España neste eido para evitar colapsos. Destaca así mesmo a súa dedicación á divulgación científica, especialmente enfocada a remarcar o papel da muller nos campos máis masculinizados.