A nova directora do centro avoga por consolidalo como modelo en innovación e sostibilidade. Destaca o capital humano e a boa taxa de éxito en convocatorias como grandes fortalezas
Mª DEL CARMEN ECHEVARRÍA FIGUEROA DUVI 09/07/2024
Transcorrido pouco máis dun mes do seu nomeamento como directora de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, a catedrática de Enxeñaría Química Ángeles Sanromán Braga (Cádiz, 1964) asegura que a súa percepción do centro non mudou, “salvo polo compoñente administrativo, ao que cómpre dedicarlle máis traballo, que é fundamental para a boa marcha”, tras pasar de exercer como investigadora garante a ocupar a dirección.
Vinculada á Universidade de Vigo desde que comezou os seus estudos de licenciatura en Química no campus, na década de 1980, “sen ter clara unha orientación, nin un futuro profesional”, e onde volveu en 1991, logo de doutorarse en Enxeñaría Química na Universidade de Santiago, como profesora axudante, Ángeles Sanromán recoñece abertamente asumir a dirección de Cintecx como “un reto profesional, considerando que recentemente obtivemos o recoñecemento da Secretaría Xeral de Universidades como Centro de Investigación Colaborativo. Agora temos que continuar traballando co obxectivo de mellorar a nosa cualificación e demostrar a necesidade de que Galicia conte cun centro de referencia como Cintecx dentro da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, Cigus”.
Un referente en innovación, sostibilidade, e colaboración interdisciplinar
A dirección da Oficina de I+D da UVigo ao inicio da súa carreira, “o que me permitiu tomar conciencia de todo o potencial da institución no campo da investigación e a transferencia de tecnoloxía”, e súa participación na Agencia Estatal de Investigación, como xestora nas áreas de Tecnología Química (2007-2011), Transferencia de Tecnología (2015-2018) e Materiales (2019-2022), son algúns dos cargos que Sanromán desempeñou e os que máis destaca. Agora coa experiencia acumulada, tamén no ámbito da xestión, sinala como o seu obxectivo á fronte de Cintecx, “consolidalo como un referente en innovación, sostibilidade e colaboración interdisciplinar, cun impacto significativo a nivel local, nacional e internacional”.
Un obxectivo xeral ao que a nova directora, que releva no cargo a Concepción Paz. suma outros máis específicos como posicionalo como líder en investigación aplicada e transferencia de tecnoloxía; mellorar as sinerxías entre o persoal investigador; dar prioridade á formación de investigadores novos; incrementar a captación de talento; mellorar as infraestruturas e recursos; impulsar proxectos e tecnoloxías que teñan impacto positivo na sociedade; involucrar e promover a participación cidadá mediante a realización de actividades e continuar a implantación do plan de igualdade.
O capital humano, a principal fortaleza
Creadora do grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (BIOSUV), Ángeles Sanromán asegura que, independentemente dos avances que o seu grupo acadou ao longo destes anos, “o que máis valoro é que no desenvolvemento destas investigacións logrouse a formación de novos investigadores, que hoxe en día son grandes profesionais e na actualidade traballan en empresas punteiras, administracións públicas e na universidade como docentes e investigadores”. O impacto positivo que na sociedade poden ter os proxectos nos que traballa e a diversidade de campos nos que pode desenvolver a súa actividade profesional, que van da industria biotecnolóxica á alimentaria, pasando pola petroquímica e a ambiental, son para Ángeles Sanromán o que máis lle gusta do seu traballo e que contrasta coa “cantidade de papeleo e burocracia que ás veces é preciso manexar”.
Ao igual que ocorre coa súa carreira, Sanromán é quen de sinalar no caso do centro que dirixe varios “pros” e “contras”. “Cintecx presenta diversas fortalezas, pero a principal é o capital humano, xa que conta con investigadores referentes no seu campo, o que o posiciona de xeito favorable no ámbito nacional e internacional”, sinala a directora.Tamén destaca como elementos positivos de Cintecx a boa taxa de éxito en convocatorias competitivas de captación de fondos e talento posdoutoral, o seu compromiso coa formación do estudantado e persoal investigador, o seu aliñamento co RIS3 Galicia xunto coa súa localización estratéxica na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a súa ampla experiencia de colaboración coa empresa privada e complementariedade cos centros tecnolóxicos da contorna.