A UVigo capta máis de 5 millóns de euros para grupos, unidades de investigación e persoal investigador con traxectoria excelente

CINTECX capta preto do 30% destas axudas, nos grupos GTE, XEOTECH, ENCOMAT e duas traxectorias excelentes

Os grupos GTE e XEOTECH reciben a contía máxima da axuda aos Grupos de Referencia Competitiva, chegando case ao millón de euros, e o grupo ENCOMAT a axuda aos Grupos con Potencial de Crecemento. Además dous investigadores do grupo XEOTECH acadan a axuda ao Persoal Investigador con Traxectoria Excelente para o desenvolvemento dos seus proxectos propios: Jesús Balado e Mario Soilán

DUVI 15/10/2024
A Universidade de Vigo acadou este ano máis de 5 millóns de euros da convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e outras entidades do sistema galego de I+D+i realizada pola Xunta de Galicia. Convocadas a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, estas axudas divídense en tres modalidades: grupos de referencia competitiva, grupos con potencial crecemento e persoal investigador con traxectoria excelente. Dependendo das publicacións, patentes, teses dirixidas e proxectos acadados nos últimos tres anos, así como do prestixio acumulado, os diferentes grupos e o persoal investigador optaron a diferentes apoios económicos establecidos entre os 90.000 e 400.000 euros.

A maioría dos grupos financiados da UVigo están vinculados aos seus centros e institutos de investigación, o que, a xuízo da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “amosa a fortaleza e excelencia dos mesmos”. O mesmo acontece coas axudas para o persoal con traxectoria excelente, concedidas neste caso a seis investigadoras e seis investigadores Ramón y Cajal adscritos aos diferentes centros e institutos, con especial éxito do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, algo que a vicerreitora relaciona co feito de que a Universidade de Vigo atópase no posto 15 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos no ránking de Shanghai por materias e, neste sentido, “o talento chama ao talento”, e a aspiración é que nuns anos o IAA “se converta tamén nun centro de excelencia”.

2,9 millóns para 11 Grupos de Referencia Competitiva

A modalidade cunha maior dotación económica é a de Grupos de Referencia Competitiva (GRC). Neste caso, recibirán esta axuda 11 grupos de investigación, obténdose en total 2.960.000 euros, con axudas por grupo que van dos 200.000 aos 400.000 euros.

Os grupos que acadaron un maior financiamento, 400.000 euros, son dous equipos adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx -Xeotecnoloxías Aplicada, dirixido por Henrique Lorenzo Cimadevila, e Tecnoloxías Enerxéticas, por José Luis Míguez Tabarés-, así como o grupo NanoBio Materiais Funcionais, liderado pola profesora Isabel Pastoriza Santos e pertencente ao CINBIO, o Centro de investigación en Nanomateriais e Biomedicina.

Pola súa banda, tamén resultaron beneficiados, neste caso con 280.000 euros, o grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética do profesor Armando Caballero, adscrito ao Centro de Investigación Mariña, CIM, e o de Sistemas de Radio, dirixido polo profesor Manuel García Sánchez, e adscrito a atlanTTic, o Centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación.

Completan a listaxe de grupos beneficiados, con 200.000 euros cada un deles, o Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación, BiFeGa, coordinado polo profesor Burghard Baltrusch e adscrito ao CISPAC, Centro de investigación interuniversitario nas paisaxes atlánticas culturais; Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, dirixido polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Jacobo de Uña; BiotecnIA_Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental, da Facultade de Ciencias e dirixido por José Manuel Domínguez; e Química Cuántica, adscrito neste caso á Facultade de Química e liderado pola profesora Ana Graña.

Un millón de euros para os Grupos con Potencial Crecemento

No relativo ás axudas para Grupos con Potencial Crecemento o financiamento acadado roza o millón de euros, variando as axudas entre os 90.000 e os 120.000 euros e resultando beneficiados equipos de investigación dos tres campus. Neste caso os grupos que acadaron un maior financiamento foron o Grupo de Tecnoloxías Multimedia, de Carmen García Mateo, e o Grupo de Servizos para a Sociedade da Información, de Alberto Gil Solla, pertencentes ambos a atlanTTic, e o grupo Encomat, Enxeñaría da Corrosión e Materiais, do profesor Xosé Ramón Novoa, de Cintecx.

O resto de grupos acadaron cada un deles 90.000 euros. Do CINBIO recibirán financiamento os grupos das profesoras África González -Inmunoloxía- e Verónica Salgueiriños -Nanomateriais Híbridos- e, de atlanTTic, o grupo Information and Computing Laboratory, de Rebeca Díaz. Tamén no campus de Vigo beneficiouse o grupo AgroBioTech for Health, liderado polo profesor da Facultade de Bioloxía, Pedro Pablo Gallego Veigas.

No campus de Ourense beneficiáronse a Agrupación Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito, AGAF, dirixida por Pablo Raúl Bonorino, do Instituto de Xustiza e Xénero, e o Grupo de Enxeñaría Física, dirixido por Humberto Michinel, do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais. En Pontevedra a beneficiada é a profesora Ana Belén Fernández Souto, coordinadora do grupo Comunicación Persuasiva na Facultade de Comunicación do campus CREA.

1,2 millóns para financiar ‘traxectorias excelentes’

No caso da modalidade de persoal investigador con traxectoria excelente houbo 12 subvencións por valor de 1.205.000 euros. Trátase dunha ducia de investigadores -seis homes e seis mulleres- Ramón y Cajal que levan a cabo o seu labor nos campus de Vigo e Ourense.

No campus de Vigo conseguiron a axuda: Begoña Puértolas e Lucas Vázquez, do CINBIO; Jesús Balado, do Cintecx; Estefanía Paredes, do CIM; Marta Costas, da Facultade de Química; Mario Soilán, da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, e Pablo Breogán Sánchez, da Escola de Enxeñería Industrial.

En Ourense as axudas son para cinco investigadores adscritos ao Instituto Agroecoloxía e Alimentación: Daniel Arenas, Mª Paz Otero, Rosa Mª Pérez, Patricia Reboredo e Rogert Sori.