«Xunto co ámbito da Enxeñaría do petróleo, os resultados acadados en Enxeñaría eléctrica, poñen en valor o traballo do Cintecx, que se presenta como un centro relevante», destaca a vicerreitora
DUVI 10/04/2024
A edición 2024 do QS World University Rankings by Subjetc sitúa a Universidade de Vigo entre as mellores do mundo en cinco eidos: Enxeñaría do petróleo, Agricultura e forestal, Enxeñaría eléctrica e electrónica, Ciencias biolóxicas e Química. Como xa avanzara o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno da pasada semana, dende 2021, ano no que a Universidade de Vigo comezou a ser valorada por este ranking, pasouse de estar entre as mellores do mundo en dous eidos a aparecer no 2023 en tres e nesta nova edición en cinco, o que segundo Reigosa “é unha mellora importante”, sobre todo coa vista posta na captación internacional de alumnado.
A clasificación, publicada este mércores por QS Quacquarelli Symonds, proporciona unha análise comparativa independente sobre máis de 16.400 programas universitarios, cursados por estudantes de más de 1500 universidades en 96 países do mundo, incluíndo 55 disciplinas académicas e cinco amplas áreas de coñecemento. O equipo de goberno, a través da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, amósase moi “satisfeito”, porque ademais de mellorar na clasificación global “temos unha mellora moi notable pasando de 2 a 5 materias nas que aparecemos nesta listaxe”, e isto é un “salto cuantitativo que ten varias vantaxes”. Por unha banda, recalca que ten “un peso directo no plan de financiamento, en particular no módulo 2” e, por outra, “supón unha mellor carta de presentación da UVigo, tanto para o novo estudantado que está agora a pensar en que universidade facer os seus estudos, como para o persoal investigador que decide vir a facer a súa carreira investigadora”.
Entre as mellores 150 do mundo en Enxeñaría do petróleo
A Universidade de Vigo destaca principalmente nesta clasificación no eido da Enxeñaría do petróleo, un campo no que aparece por primeira vez no QS World University Rankings by Subject 2024, e faino nunha posición destacada da táboa, entre as 101 e 150 mellores do mundo. Como explica a vicerreitora, esta é unha parte da enxeñaría que abrangue moitos temas, dende tratamento de hidrocarburos ata o estudo dos produtos finais e os seus derivados, como lubricantes, refrixerantes, etc., así como tamén aspectos que van dende a xeoloxía á xeofísica do subsolo. “Temos, por unha banda, os grupos da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, xunto grupos de Cintecx, que poden tratar de maneira directa ou indirecta algún deses aspectos”.
No que se refire á agricultura e ás ciencias forestais, a Universidade de Vigo tamén acada un lugar destacado, entre as 201 e 250 mellores do mundo, e tamén o fai clasificándose por primeira vez. Rubio lembra que no Ranking de Shanghai a UVigo xa acadara bos resultados neste eido, “que vén a confirmar o excelente traballo que está a desenvolver o Instituto de Agroecoloxía e Aalimentación (IAA), con sede no campus de Ourense”.
As outras tres materias nas que a UVigo se sitúa no Top500 do mundo son Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, no rango entre 401 e 450, e Ciencias biolóxicas e Química, ambas na franxa 501-550, mellorando a posición de 2023, cando se situaban no 551-600. A este respecto, a vicerreitora destaca que, xunto co ámbito da Enxeñaría do petróleo, os resultados acadados en Enxeñaría eléctrica, poñen en valor o traballo do Cintecx, que “se presenta como un centro relevante, que esperamos pronto acade tamén a catalogación de centro CIGUS na convocatoria de centros da Xunta de Galicia do 2023, que está a piques de ser resolta”. No que se refire a Bioloxía, “encaixa tanto en liñas do CINBIO (xunto coa Química) como no do CIM, e polo tanto segue a reflexar o papel dos nosos centros de excelencia considerados como centros Cigus pola Xunta de Galicia”.