A investigadora de CINTECX, María Talavera, obtén o recoñecemento do Programa de Retención de Talento da UVigo

A investigadora atópase entre os seis investigadores María Zambrano beneficiarios desta iniciativa

Investigadores María Zambrano beneficiarios da iniciativa. Na esquina superior dereita, María Talavera, do grupo de Novos Materiais do Cintecx

DUVI 15/11/2024
O Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo permitirá este ano darlle continuidade na institución académica viguesa a catro investigadoras e dous investigadores María Zambrano, “seis persoas que demostraron ter un nivel investigador excelente e que grazas a esta iniciativa poderán continuar nos seus grupos esa traxectoria”, tal e como destaca a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen defende a continuidade dun programa que poucas universidades españolas conservan pero que, ao seu modo de ver, permite dar continuidade ao persoal investigador doutor ata acceder a programas máis competitivos como o Ramón Cajal ou a propia estabilización definitiva na Universidade.

Desde 2018 beneficiáronse desta iniciativa máis de medio cento de investigadoras e investigadores dos que boa parte son xa persoal permanente da UVigo. “Dos de 2019 temos nove titulares, un contratado doutor, un axudante doutor, dous Ramón y Cajal, que se estabilizarán nos vindeiros meses, e, incluso, un catedrático”, recalca a vicerreitora.

As e os seleccionados nesta edición son Antonio Cid Samamed e María Shantal Rodríguez Flores, investigadores do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, IAA; María Talavera Nevado, do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx; ; Noela Belén Sánchez Carnero, do Centro de Investigación Mariña, CIM; Elena Gómez, do grupo FEQxLab, da Área de Enxeñaría Química, e Daniel Hermida Merino, do Departamento de Física Aplicada.

María Talevera, uso de terapias fototérmicas en medicina

Química de formación, María Talavera, do grupo de Novos Materiais do Cintecx comezou a súa carreira investigadora na Universidade de Vigo cunha liña de investigación centrada no estudo de sistemas metalaaromáticos, “compostos tipo grafeno, pero de menor tamaño, nos que algunhas unidades CH (carbono-hidróxeno) se substitúen por un metal de transición”. Na actualidade estuda a súa aplicabilidade a distintos campos, centrándose na medicina, a través dunha técnica coñecida como terapia fototérmica “que se basea na emisión de calor dos compostos que se preparan no laboratorio para así quecer de maneira selectiva as células canceríxenas ou as infeccións”.

Sobre o que supón para ela esta axuda destaca dúas vertentes: por unha banda, permítelle seguir adiante coa súa liña de investigación e, pola outra, continuar formándose como docente universitaria.