Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), esta feira insírese no programa anual de actividades 2023/2024 do plan de Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello.
DUVI PONTEVEDRA 31/05/2024
Sintetizar partículas nanovalentes de ferro con té negro e achegarse á súa utilización para a degradación de contaminantes ou observar dispositivos biomédicos a gran escala e monitorizar o transporte a partir de datos obtidos cun láser escáner. Estas son algunhas das propostas que a Universidade de Vigo despregou este venres na praza de Ferraría de Pontevedra, na expo-feira A ciencia que vén, na que 14 grupos de investigación deron a coñecer as súas liñas de traballo a través de obradoiros e actividades dirixidas a un público familiar. Contribuír ao fomento de vocacións científicas entre as novas xeracións, así como achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador eran os obxectivos dun evento que arrancou pola mañá coa visita de preto de 150 escolares dos CEIP Froebel e Barcelos, abríndose pola tarde ao público xeral.
Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), esta feira insírese no programa anual de actividades 2023/2024 do plan de Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello. Despois de desenvolver en Vigo as súas primeiras edicións, a feira trasladábase neste 2024 a Pontevedra, onde era inaugurada na tarde deste venres por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra; Sandra Bastos, deputada provincial, e Demetrio Gómez, concelleiro de Educación.
Propostas divulgativas e lúdicas para todos os públicos
Con actividades dirixidas tanto á infancia e mocidade como a un público familiar, estas 14 carpas permitiron visualizar o ADN a partir dun anaco de plátano, nun taller do grupo de investigación en Filoxenómica do CINBIO; ou adquirir nocións básicas de lingua de signos española e coñecer o contexto social e cultural da comunidade xorda, da man do grupo Griles. As e os visitantes puideron tamén sintetizar partículas nanovalentes de ferro con té negro e achegarse á súa utilización para a degradación de contaminantes, co grupo Biosuv; mentres que o Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintexc convidounos a localizar puntos quentes e fríos ou perdas enerxéticas cunha cámara termográfica.
Combinando divulgación e diversión, propostas como as do Mapas Lab permitiron a nenos e nenas achegarse á paleontoloxía pintando réplicas de fósiles e coñecer a bioxeografía converténdose nun animal nun xogo de supervivencia. O Grupo de Ecoloxía Animal buscou que coñecesen a biodiversidade do solo a través dunha piscina de bolas, mentres que o Post-Growth Inovation Lab animou ás e aos participantes a crear pezas artísticas que promovesen a concienciación ambiental e o grupo XB2 do CIM levounos a crear unha dobre hélice de AND con gominolas. A ciencia que vén permitiu tamén observar exposicións de biomateriais e dispositivos biomédicos, no posto do Grupo de Novos Materiais do Cintecx, e maquetas a escala real que permitían coñecer os subsistemas internos dun satéllite, da man do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial de atlanTTic.
Os diferentes postos permitiron así mesmo dar a coñecer liñas e proxectos de investigación como Agrosus, do grupo BEV1, que propuña unha viaxe interactiva a través das 11 rexións bioxeográficas de Europa, na que coñecer estratexias ecolóxicas que permitan acadar unha agricultura sostible, complementada por actividades como un taller de sementeira de trigo. O grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, do Cintexc, mostrou un software para o procesamento de datos obtidos cun láser escáner centrado na monitorización do transporte, unha ferramenta para o seguimento da saúde de infraestruras históricas e un proxecto sobre ferramentas avanzadas de dixitalización para a planificación integrada de construcións ao final da súa vida útil. Con esa mesma idea, o grupo BiotecnIA promoveu actividades centradas en dúas liñas de investigación, o aproveitamento de residuos industriais e a obtención de produtos de alto valor a partir de insectos comestibles.