A praza do Berbés foi o epicentro na tarde-noite deste venres da divulgación científica coa celebración da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo para achegar o coñecemento científico e a investigación a toda a cidadanía de Galicia. A UVigo, a través da Unidade de Cultura Científica, lidera un consorcio formado por unha decena de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos, que dan forman a unha proposta que se desenvolveu simultaneamente este venres nunha trintena de localizacións repartidas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. En total, foron máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico que espallaron a ciencia a pé de rúa e ao alcance de toda a cidadanía.
Divulgar a ciencia con conciencia creativa
Na praza do Berbés instalouse un carpa que acolleu, ao longo da tarde, unha expo-feira científica, organizada pola UVigo (…). Tamén puideron participar nun taller sobre os minerais como testemuñas da historia, impartido polo persoal do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais , unha actividade manipulativa para fabricar tres tipos de pintura con minerais e outras materias primas (…). Talleres sobre xeotecnoloxías aplicadas, visión infravermella e realidade virtual da man das e dos investigadores do centro e o Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros, do Cintecx organizou un taller centrado nas aplicacións da visión artificial e as redes Bayesianas na enxeñaría e na xestión de medio natural.
Do bar ao mar
Pero máis aló do edificio Redeiras, a ciencia espallouse por outras localización da cidade, como o café Vitruvia, onde o público puido asistir ás charlas de Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía e investigadora do Cintecx, sobre o papel dos recursos minerais na descarbonización e dixitalización da economía.