O Goberno concédelle á UVigo máis dun millón de euros para pór en marcha nove proxectos “proba de concepto”

A Axencia Estatal de Investigación (AEI), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, acaba de concederlle á Universidade de Vigo algo máis dun millón de euros (1.089.970) para a posta en marcha de nove proxectos de Proba de Concepto, traballos dirixidos a acelerar a transferencia de coñecemento e os resultados xerados en proxectos de investigación básica, en progreso ou recentemente finalizados dentro do Plan Estatal de Investigación. Son 400.000 euros máis ca na anterior convocatoria, na que se conseguiran 681.000 euros destinados á realización de dez proxectos. A convocatoria do ministerio contou nesta ocasión cun orzamento total de 40 millóns de euros, financiados con fondos Next Generation EU, que foron repartidos entre máis de 80 organismos de todas as comunidades, entre eles a UVigo, a quen lle foron concedidas 9 das 17 solicitudes presentadas, o que supón máis dun 50% de éxito acadado.

“A Universidade de Vigo xa tiña unha forte traxectoria en transferencia do coñecemento e isto maniféstase no éxito acadado, tanto nesta como na pasada convocatoria”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación Belén Rubio, quen subliña que máis do 75% (822.335€) do financiamento acadado corresponde a centros como Cintecx e atlanTTic, nos que predomina a transferencia como un efecto tractor no motor económico industrial para Galicia, con temáticas tan diversas que afectan ao transporte, a enerxía, a sostibiiidade, e incluso ferramentas aplicadas á medicina e a saúde. “Casi o 25% restante corresponde a proxectos no marco do recén creado Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, de cara a transición de sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles, seguros e circulares”, explica a vicerreitora, quen considera que esta intersección ou sinerxia da investigación entre a agricultura e a alimentación desde enfoques agroecolóxicos, “promoverá unha especialización intelixente baseada na colaboración con empresas e a xeración de impacto en produtos innovadores”.

Seis proxectos tecnolóxicos vinculados con Cintecx

A maior parte dos proxectos seleccionados pertencen ao ámbito tecnolóxico e están liderados por investigadoras e investigadores do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, contando case todos cun orzamento que oscila entre os 100.000 e os 150.000 euros. Dentro destes proxectos vinculados ao Cintecx, o que conta cun maior orzamento (143.750 euros) é o liderado polos profesores José Manuel Cruz e Ana Belén Moldes e vai dirixido a validar os usos potenciais de bisurfactantes obtidos de licores de lavado de millo como biopesticida e conservante na industria agroalimentaria, unha liña de traballo na que o equipo EQ10 da UVigo conta cunha longa traxectoria investigadora.