Os investigadores de CINTECX, Lucía Día Vilariño, Belén Riveiro e Pedro Arias, presiden os comités organizadores das dúas conferencias internacionais que celébranse por vez primeira en España
Mª DEL CARMEN ECHEVARRÍA FIGUEROA DUVI 01/07/2024
Tras anos participando nestas conferencias e debido ao interese das súas contribucións e a súa activa participación nestas comunidades, os e as integrantes do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo foron convidados a organizar a 19th International 3D GeoInfo Conference 2024 e o 31st EG-ICE International Workshop on Intelligent Computing in Engineering, que desde hoxe e ata o vindeiro venres se celebrarán na sede cidade na Escola de Enxeñaría Industrial. 200 persoas, entre poñentes e asistentes, participan nestes congresos, que por vez primeira se celebran en España. “En ambos os dous casos, a idea de organizalos en Vigo veu dada polos Advisory Board, tanto do 3D GeoInfo, como do EG-ICE. Debido a que existe unha gran sinerxía entre as investigacións que se presentan, tanto nun evento, coma no noutro, consideramos de grande interese organizalos como unha Joint Conference”, explica a docente e investigadora de Cintecx Lucía Díaz Vilariño, que sinala que “para a UVigo é unha boa oportunidade de gañar visibilidade e poñer en valor o noso traballo”.
Durante os cinco días que durarán os congresos, participantes de todos os continentes, sobre todo de procedencia europea, abordarán os últimos avances no modelado de sistemas e realidades complexas, onde a intelixencia artificial, a tecnoloxía 3D/4D e a computación de altas prestacións son elementos clave. “Trátase de dous eventos de gran relevancia nos ámbitos da xeoinformación e da enxeñaría intelixente. As distintas investigación que se presentarán en cadanseu evento, serán publicadas en bases de datos recoñecidas internacionalmente, garantindo un impacto duradeiro na comunidade científica e profesional”, detalla Lucía Díaz Vilariño, integrante do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas e presidenta do comité organizador da 3D GeoInfo Conference 2024.
A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio, e o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña, xunto a Lucía Díaz, foron os encargados esta mañá de inaugurar os congresos, dos que destacaron a súa importancia ao tempo que agradeceron a presenza dos e das asistentes. As sesións comezaron coa intervención de H.C.(Jeroen) Borst, xerente do Cluster Societal Impact for Accessibility and Liveability at Netherlands Organization for Applied Research (TNO), titulada Digital Twins for Liveable and Resilient Cities.
Ciencia e tecnoloxía da xeoinformación 3D/4D, interacción entre computación e sistemas de enxeñaría aplicados
Entre os temas que durante esta semana se abordarán na 3D GeoInfo Conference 2024, Díaz destaca a adquisición e procesamento de datos 3D/4D, a análise de big data xeoespaciais, o uso da intelixencia artificial, a xestión de datos, a integración e fusión de información e o modelado de infraestruturas e cidades intelixentes a través de BIM e xemelgos dixitais. Pola súa banda, o 31st EG-ICE International Workshop on Intelligent Computing in Engineering, do que son presidentes do comité organizador Belén Riveiro Rodríguez e Pedro Arias Sánchez, centrarase na interacción entre computación e os sistemas de enxeñaría aplicado a diferentes ámbitos, como son os procesos de automatización e robótica, sistemas de monitorización e control, sistemas BIM, xestión da construción, sustentatibilidade e resiliencia e análise do ciclo de vida de procesos e produtos.