Día de la mujer y de la niña en la ciencia en CINTECX: Gloria Pena, Profesora Titular de Universidad

Gloria Pena – Profesora Titular de Universidad

Toda a miña traxectoria investigadora desenvolveuse no grupo ENCOMAT, traballando inicialmente no campo da corrosión e das técnicas electroquímicas para o seu estudo. Dende a defensa da miña tese de doutoramento, orienteime a afondar nas características das superficies de diversas aliaxes pasivables (aceiros inoxidables e aluminios) e as modificacións para incrementar a súa resistencia á corrosión e ao desgaste (implantación iónica, refusión láser, procesado por Fricción Batida (FSP), etc).

Na actualidade, estou centrada fundamentalmente en dúas liñas: Por unha parte, a fabricación de materiais compostos de matriz aluminio nanoreforzados (con nanopartículas cerámicas ou nanotubos de carbono (MWCNT) e soldados mediante Fricción batida (FSW); por outra, a fabricación aditiva de materiais metálicos e compostos, mediante diversas tecnoloxías (LMD, WAAM, FSAM, FDM). Ao longo de todo este traxecto, a colaboración co Centro Tecnolóxico AIMEN foi constante, así como con grupos do CSIC-CENIM e da Universidade Rey Juan Carlos. Esa investigación foi financiada en 25 proxectos de convocatorias autonómicas, nacionais e internacionais, sendo IP en 4 deles. Os resultados dese traballo plásmanse en máis 80 publicacións en revistas científicas, 60 das cales indexadas en JCR, e na presentación de máis de 115 ponencias en congresos nacionais e internacionais.

A transferencia cara o ámbito industrial plásmase na colaboración en 34 proxectos relevantes con empresas. Nos últimos 10 anos teño dirixido 3 teses de doutoramento, 2 delas premiadas co Premio extraordinario da Universidade de Vigo. Fun xestora do Programa sectorial de Investigación Aplicada do Plan Galego de Investigacion, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica” (INCITE) da Xunta de Galicia (2006-2011). Formei parte do comité organizador de 2 Congresos nacionais e 1 internacional, e do comité científico de 5 Congresos. Son membro vocal de da Sociedade Española de Materiais (SOCIEMAT).

Cando decidiches que querías ser investigadora? Tiveches algún referente feminino?

A verdade é que decidín que quería estudar Química e dedicarme á ciencia cando, sendo nena, vin unha película sobre a vida de Marie Curie. Referentes máis directos e próximos atopeinos xa desenvolvendo a miña labor en ENCOMAT, e quixera mencionar en especial á Dra. Carmen Andrade Perdrix que foi directora do Instituto de Ciencias de la Construcción Eduardo Torroja (CSIC) unha das maiores referentes no campo da corrosión, e que ten recibido numerosos galardóns pola súa labor nun campo tan pouco chamativo. E lembro tamén á Dra. Concha Merino, capaz de compaxinar unha investigación moi relevante cunha extensa carreira docente na UCM.

Que estás investigando a día de hoxe? Cales son os avances máis importantes da túa investigación?

Como xa indiquei anteriormente, unha das liñas nas que traballo na actualidade e a fabricación, mediante técnicas de pulvimetalurxia, de materiais compostos de aluminio nano-reforzados que posteriormente son extruídos para obter perfiles e soldados mediante Friction Stir Welding. Nun dos proxectos, no que elaboramos por primeira vez un material composto de matriz AA6005 reforzado con nanopartículas de TiC, logramos obter incrementos do 40% en resistencia e~47% en ductilidade con respecto aos compostos producidos de xeito convencional. Estes materiais, que poden ser soldables mediante FSW (unha técnica de soldadura en estado sólido de gran futuro na industria) poderían ser empregados no sector do transporte.

Que che aporta a investigación?

É difícil de responder sen soar “cursi”. Creo que cando es unha persoa curiosa, é o xeito natural de desenvolverte. É unha maneira de estar alerta, activa, sen adormecer, vamos, de ser xoven de mente. Algo moi importante na outra parte da nosa profesión: a docencia.

Por que elixiches CINTECX como centro onde desenvolver a túa labor investigadora? En que che axudou pertencer a un centro como este na túa investigación?

A verdade é que non o escollín. Pero a inclusión do noso grupo de investigación neste centro paréceme evidente, xa que encaixa nas liñas prioritarias do mesmo e a posibilidade de traballar con grupos doutras áreas é algo básico.

Que dificultades atopa unha muller para desenvolver unha carreira investigadora conciliando a vida laboral e familiar? Encontraches máis trabas no teu traballo por ser muller?

Como son xa moi maior, lembro que dirixín os meus pasos cara a universidade e a investigación porque daquela a entrada da muller nas industrias en postos técnicos era realmente moi difícil. Unha vez na universidade, debo recoñecer quen non sentín discriminación para realizar o meu traballo, trátase dun ambiente que en xeral é bastante igualitario. Pero si tiven algunhas dificultades para conciliar a miña vida familiar coa profesional, como a necesidade de suspender as estancias no estranxeiro por coidado dos meus maiores, ou nos anos de coidado dos nenos. A pesar de que iso lle pode pasar tamén aos investigadores varóns, sinto que a responsabilidade recae con maior peso sobre as mulleres e, repito, especialmente hai uns anos.

Cres que estamos avanzando na igualdade entre homes e mulleres no ámbito científico-tecnolóxico? Que teitos de cristal cres que aínda quedan por romper en torno ás mulleres en ámbitos científicos e da investigación?

Pois creo que imos avanzando no bo camiño e, de feito, en moitos ámbitos científicos a participación das mulleres xa iguala en % á dos homes. Pero non é así no caso dos estudos de enxeñaría, nos que a incorporación das estudantes a estes estudos aínda é moi baixa.

Aínda onte asistín a unha conferencia en liña de SOCIEMAT, que aporta datos que poñen de manifesto que mesmo nas sociedades occidentais segue a haber moita diferencia por xénero na ciencia e tecnoloxía, e que os avances están estancados. Sorprendeume moito, a verdade, pero os números así o indican: menor % de proxectos financiados, menor recoñecemento nas publicacións, menor número de cargos relevantes, menor remuneración… Por iso, si penso que aínda quedan bastantes teitos de cristal, pero sobre todo temos que potenciar o acceso das estudantes aos estudos para poder ir consolidando o que se foi conseguindo e conseguir transformar a visión da sociedade.

Como animarías ás nenas e estudantes novos a dedicarse á investigación?

Penso que as campañas que se realizan nas xornadas do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e xornadas similares son moi útiles, polo que habería que seguir nesa liña: aportando referentes. Pero deberíamos poder achegarnos ás familias que, en moitos casos son as que acaban dicindo: iso non é para mulleres. Debería ser normal ver mulleres tecnólogas no cine, TV, non só médicas.

Tes algunha frase propia e persoal que poña en valor a investigación en feminino?

Ben, non sei se vale, e nin sequera estou certa de que non se teña dito antes, pero sempre pensei que “A investigación de verdade non debería ter xénero, pero para que iso sexa certo precisamos traballar todos e todas por igual e en igualdade de condicións”.

#DiaDeLaMujeryLaNinaEnLaCiencia #SoyInvestigadora #SoyCientifica #CINTECX #UniversidadeVigo