A Universidade de Vigo e a multinacional médica Ziacom acaban de asinar un acordo que permitirá á empresa española comercializar un biomaterial para rexeneración ósea deseñado ao abeiro do proxecto Biofast, impulsado polo Grupo de Novos Materiais, liderado polo catedrático Pío González.
Trátase dun biomaterial obtido a partir de dentes de tiburón, unha das liñas de investigación que este grupo leva desenvolvendo dende hai anos. A alianza coa multinacional española, especializada no deseño e fabricación de implantes e produtos para cirurxía bucal, maxilofacial e biomateriais, constitúe un fito, xa que é a primeira vez que se asina un acordo de licenza que permite comercializar os resultados dos proxectos apoiados polo programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación coa colaboración da Fundación Barrié.
Cerámicas biocompatibles que valorizan os descartes da pesca
O proxecto Biofast (Bio Fluor Apatite Shark Teeth), impulsado polos investigadores do Grupo de Novos Materiais Pío González, Julia Sierra e Stefano Chiussi, enmárcase nunha iniciativa europea de economía circular para a valorización de recursos e descartes da pesca. A experiencia do seu grupo de investigación en materiais cerámicos, unida ás abundantes descargas no Porto de Vigo de pequenos tiburóns procedentes da pesca sustentable, deron pé ao aproveitamento dos dentes dos escualos para obter cerámicas biocompatibles que permitan recuperar tecido óseo antes da colocación dun implante ou tratar ósos humanos danados por fracturas ou debido a un cancro. Este material posúe unhas características fisicoquímicas de suficiente similitude co tecido óseo para que se converta nun produto de aplicación clínica para a reconstrución ósea tras traumatismos ou reseccións de tumores de óso así como aplicación dentais.