A conselleira de Economía sitúa a CINTECX como centro de transferencia de coñecemento indispensable para dotar a industria galega de solucións tecnolóxicas

Salientou a súa estratexia de aproximación a sectores clave: automoción, naval, agroalimentario…

DUVI/ A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou este venres as instalacións de CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, un centro ao que se referiu como un socio colaborador indispensable e un “exemplo claro” de transferencia de solucións tecnolóxicas fronte aos retos actuais aos que ten que facerlle fronte a industria galega. Lorenzana foi recibida polo reitor, Manuel Reigosa, e a directora do centro, Concepción Paz, así como polos vicerreitores de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, a quen se sumou logo a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio.

A principal responsable da política económica da Xunta referiuse a Cintecx como un centro de investigación de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo ao que hai que recoñecerlle, dixo, a súa estratexia de aproximación a sectores que son clave na economía galega como a automoción, o naval, o agroalimentario, o aeronáutico ou a pedra natural. Nesta liña, apuntou que, cun cadro de persoal do que forman parte 175 investigadores e investigadoras, desenvolve proxectos en áreas como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o aproveitamento dos recursos naturais, a valorización de residuos industriais, as técnicas de fabricación avanzada, o transporte, a enxeñaría biomédica ou a intelixencia artificial.

Lorenzana puxo ao Cintecx como exemplo dos resultados que achega a colaboración público-privada e a innovación aberta en termos de competitividade: “só o ano pasado foron máis de 100 contratos con industrias galegas para a mellora dos procesos produtivos”, explicou.