Atopar un tesouro escondido é a misión dos máis de 150 estudantes de bacharelato tecnolóxico de diferentes institutos de Galicia que percorrerán o Cintecx este venres no marco da quinta edición das súas Xornadas de Portas Abertas. Para todas e todos eles, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo ten deseñado un percorrido con 15 actividades guiadas por unha vintena de científicos e científicas.
Deste xeito, o alumnado participante terá a oportunidade de coñecer de primera man a actividade investigadora que se realiza nas diferentes áreas de investigación do Cintecx, seguindo un divertido itinerario de búsqueda do tesouro polas instalacións do centro, onde poderán experimentar e coñecer ao persoal investigador e desenvolver as mesmas actividades que eles por un día. En total, 150 estudantes de cinco centros de ensino de secundaria de Vigo e Santiago están inscritos na xornada e, divididos en grupos e mapa na man, percorrerán o centro experimentando nos diferentes laboratorios coas investigadoras e investigadores do centro.
Cinco anos abrindo as portas as novas vocacións científicas
Como destaca a directora do Cintecx, Ángeles Sanromán, “a través das Xornadas de Portas Abertas, convidamos os mozos e mozas a explorar o camiño da ciencia e a tecnoloxía e a descubrir como estas ferramentas poden impulsar tanto o seu futuro como o de toda a sociedade”.
Esta actividade vén desenvolvéndose dende hai cinco anos para amosar á sociedade e poñer en valor o traballo realizado polos máis de 200 investigadores e investigadoras que conforman o Cintecx e traballan en áreas como as enerxías renovables, eficiencia enerxética, aproveitamento de recursos naturais, valorización de residuos industriais, desenvolvemento e aplicación de técnicas de fabricación avanzada e novos materiais, tecnoloxías de propulsión limpas ou a intelixencia artificial.
Unha morea de actividades… con premio
Guiados polo persoal investigador, as e os participantes terán a oportunidade de coñecer os laboratorios e os proxectos que están a levar a cabo os diferentes grupos do centro. “Nesta quinta edición aumentamos o número de inscricións polo que contaremos con novas actividades, ampliando a participación de persoal investigador, superando a vintena”, explica Ángeles Sanromán.
As mozas e mozos achegaranse, por exemplo, ao campo da enxeñería biomédica ou os biomateriais e as súas contribucións para mellorar a calidade de vida da sociedade. Poderán ver de primeira man o uso dos recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais e vivir experiencias prácticas sobre temas relacionados coa xeración de enerxía, reaccións de combustión ou xeradores eléctricos. Ademais, poderán coñecer tamén o procesamento de materiais con láser, a remediación de augas contaminadas, a corrosión, a termografía infravermella, biosurfactantes e novos compostos biodegradables ou a montaxe de maquinaria. Tamén coñecerán que hai no subsolo e descubrirán o funcionamento de escáner 3D coa actividade enxeñería inversa, o banco de probas de motor asíncrono, o xeorradar, etc.
Ao rematar as rutas, o estudantado participará nunha proba onde terán que responder preguntas sobre as actividades realizadas. As persoas gañadoras de cada grupo levarán un tesouro de agasallos para recordar a experiencia. Ata o último recuncho de Cintecx contará con actividades e moita ciencia.