DUVI 27/09/2024
Miles de pequenas caras con xesto de asombro sucedéronse hoxe no transcurso do máis dun cento de actividades de divulgación científica e tecnolóxica celebradas co gallo da Noite Galega das Persoas Investigadoras nas rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, a G-Night volveu sacar hoxe a ciencia dos laboratorios e das aulas achegándoa a nenas e nenos e persoas adultas que, baixo o lema Conciencias creativas, sumáronse nas principais cidades galegas á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, foi o encargado esta tarde na sede que a institución ten no centro da cidade de Vigo de expresar a súa satisfacción polo traballo que desenvolve o persoal investigador da universidade viguesa, “amosando cada día que estamos enormemente activos en investigación e contribuíndo ao progreso”. O reitor manifestou o seu desexo de que nenas e nenos que participaron hoxe nas actividades da G-Night atopasen unha vocación, que “dentro de 20 anos vos leve a lembrar que estivestes aquí e entón sexades vós os que expliquedes as investigacións que estades realizando”, un traballo, que segundo Reigosa, a sociedade precisa para ser mellor e que “alumea o camiño”.
En representación do Concello de Vigo, a tenente de alcalde e responsable das áreas de Tecnoloxía e Emprego e tamén docente da UVigo, Ana Mejías, deulle os parabéns á UVigo “polo importante traballo que desenvolver para a cidade” e agradeceu o traballo das e dos científicos e tecnólogos que amosan a importancia da ciencia e tecnoloxía para o futuro, o benestar e sostibiidade do planeta. Pola súa banda, a vicerreitora da Investigación da UVigo, Belén Rubio, destacou a importancia do evento “para que saibades que se fai na nosa universidade” e animou ás e aos asistentes a gozar co contido de todos os postos nos que científicos e científicas dos centros de investigación da UVigo (atlanTTic, CIM, Cintecx, etc..) amosaron o seu traballo.
CINTECX presente nas charlas e experimentos
O edificio Redeiras, na praza do Berbés, foi o epicentro un ano máis da G-Night en Vigo, cunha gran feira científica, integrada por unha vintena de postos, nos que as persoas asistentes participaron dunha morea de actividades que lles permitiron, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, a acuicultura, a intelixencia artificial, monitorización de aves mariñas, o tratamento das augas, agroecoloxía, comunicacións dixitais, nanopartículas plasmónicas ou ciencia económica.
Entre as actividades nas que participaron os investigadores e investigadoras de CINTECX atopábase o obradoiro ‘Solucións claras para auga limpa’ organizada polo grupo BIOSUV con Aida Díez Sarabia, Silvia Escudero Curiel e Antón Puga Pazo, onde mostraron técnicas sorprendentes para eliminar os contaminantes das nosas augas. As investigadoras de CINTECX, Xanel Vecino Bello e Benita Pérez Cid, estiveron no obradoiro ‘Aplicacións reais da enxeñaría industrial’ da Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) explicando aos asistentes os biosurfactantes e novos compostos biodegradables. Tamén neste obradoiro, Sheila Silva Fernández e Ramón Novoa, do grupo ENCOMAT, explicaron os procesos de corrosión na enxeñaría dos materiais. Da man da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME), a investigadora Carmen Mariño, do grupo ENCOMAT, participou no obradoiro ‘Materiais: ciencia ficción ou realidad?’ onde mostrou as propiedades sorprendes dalgúns materiais comúns e non tan comúns.
As actividades da G-Night en Vigo completáronse este venres na biblioteca Neira Vilas coa charla científica Na procura da potencia perdida: a España solar que non foi con Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE), e Juan Jesús Rico, do Laboratory of Transport Processes da TU Dortmund e colaborador do GTE do Cintecx e no espazo anexo ao Marco, onde persoal investigador e técnico do Centro Oceanográfico de Vigo compartiu o seu traballo co público a través de talleres científicos.
Nas imaxes: Ana Larrañaga na charla da Biblioteca Neira Vilas. En Redeiras: Xanel Vecino e Benita Pérez, Silvia Escudero, Aida Díez, Antón Puga, Xosé Ramón Novoa e Sheila Silva.