CINTECX na senda da excelencia da rede CIGUS

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, obten o recoñecemento da rede CIGUS como Centro de Investigación Colaborativo, cun financiamento de 644.827,59 €

DUVI 29/04/2024
Os tres centros de investigación da Universidade de Vigo que forman parte da rede Cigus acaban de renovar a súa pertenza a esta superestrutura promovida pola Xunta de Galicia e orientada ao fortalecemento da investigación de excelencia. Así, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic; o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, e Centro de Investigación Mariña, CIM, continuarán ata 2027 sendo centros Cigus. Ademais, Ecobas, Economics and Business Administration for Society, e Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, entran a formar parte desta rede nunha nova categoría, a de centros aspirantes. Deste xeito, os cinco centros da UVigo acadan para este período un financiamento global de máis de 6,1 millóns de euros.

Así o acordou este luns o Consello da Xunta, que tamén aprobou incrementar un 31% o investimento nesta rede así como incorporar dous novos centros á máxima categoría, o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela.

Deste xeito, a rede Cigus queda integrada por 10 centros das tres universidades que contan co selo que avala a calidade e impacto das súa investigación e que busca proxectar estes centros como referentes no ámbito científico e fortalecer o sistema de investigación universitario galego para atraer e reter o mellor talento investigador e ganar competitividade no ámbito estatal e europeo. A estes súmanse os tres centros que integran a nova categoría, o centro interuniversitario Ecobas e o Cintecx da UVigo, xunto co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (Citeec) da Universidade da Coruña.

23,6M€ para o financiamento destes 13 centros de investigación

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai destinar case 23,6M€ para o financiamento destes 13 centros de investigación, o que lles vai permitir gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027. Para optar a esta acreditación, os centros debían cumprir diversos requisitos como ter financiamento na convocatoria previa do ano 2019 e superar o procedemento de avaliación final; obter unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e outros referidos a súa gobernanza, estrutura, financiamento, calidade científica e transferencia de resultados establecidos na convocatoria. A acreditación da excelencia dos centros realizouse a partir das valoracións feitas por un comité externo en base a tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).

De acordo con estes criterios, o financiamento para cada un dos centros da Universidade de Vigo queda como segue: o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, recibirá 1.818.666,67 €; o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) obtén 1.774.666,67 € e o Centro de Investigación Mariña (CIM), 1.466.666,67 €.

Os centros que entran na categoría de aspirante tamén recibirán financiamento, en concreto, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, obtén 644.827,59 €, mentres que Ecobas obtén 404.597,71 €.