As universidades do SUG e a Asociación Galega do Hidróxeno alíanse para promover unha investigación coordinada sobre o hidróxeno verde

Impulsar o desenvolvemento coordinado de liñas de investigación arredor do hidróxeno é o obxectivo da Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2) e as universidades galegas, que nas últimas horas celebraron no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo un primeiro encontro de traballo, cualificado polos e polas participantes como “un fito na integración de esforzos nun campo de investigación”. Na xuntanza, na que participaron o director técnico e catedrático de Física da USC, Luis Miguel Varela; o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade e a directora do Cintecx da UVigo, José Luis Míguez e Concepción Paz, respectivamente; e o director científico do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da UDC, Armando Yáñez, analizáronse as capacidades e necesidades do sistema universitario de investigación en hidróxeno en Galicia, así como a posibilidade de crear unha cátedra interuniversitaria.

“Con esta iniciativa, preténdese aliñar as capacidades investigadoras do SUG relacionadas có hidróxeno en torno a liñas prioritarias nun mapa completo, tendo en conta aos centros tecnolóxicos e o tecido produtivo da contorna”, explica a directora do Cintecx, que sinala que, deste xeito, “evitaranse duplicidades, identificarase equipamento e infraestruturas necesarias e promoverase un uso eficiente dos recursos, de maneira que se cimente a base dun I+D+i entorno ao hidróxeno verde en Galicia”. Pola súa banda, o director técnico da AGH2, Luis Miguel Varela, “a reunión marca un novo escenario cun novo enfoque no campo da investigación, neste caso do hidróxeno verde”. O acordo de colaboración entre os e as investigadoras do Sistema Universitario de Galicia “leva un compromiso de país, un referente neste campo, que asenta as bases para planificar, de maneira coordinada, a investigación sobre o H2”, apunta Varela.