UVigo Motorsport presentou o pasado venres o UM26, o novo monopraza co que competirá este verán nas probas de Formula Student de Austria e España. O vehículo incorpora importantes melloras en peso, propulsión e aerodinámica, pero esta edición ten ademais un significado especial para o equipo, xa que o seu desenvolvemento estivo marcado polo incendio que destruíu o taller da escudaría o pasado mes de febreiro.
Tras o sinistro, CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais) e o grupo CIMA puxeron a disposición de UVigo Motorsport un espazo de traballo que permitiu ao equipo continuar coa fabricación do vehículo e manter a planificación da tempada. A propia team leader da escudaría, Marta Cabo, destacou durante a presentación o apoio recibido por ambas entidades, subliñando que a cesión destas instalacións foi fundamental para continuar co proxecto.
O vínculo entre o equipo e CINTECX mantense tamén na actualidade. Mentres continúan os traballos relacionados coas instalacións afectadas polo incendio, a escudaría segue desenvolvendo parte da súa actividade nos espazos cedidos dentro do centro de investigación.
CINTECX, presente na presentación do UM26
O acto, celebrado na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, reuniu representantes institucionais, empresas colaboradoras e membros da comunidade universitaria. En representación de CINTECX asistiu o seu subdirector, Alejandro Gómez Yepes, quen felicitou ao equipo polo traballo realizado durante os últimos meses e por conseguir culminar o desenvolvemento do UM26 nun contexto especialmente complexo.
Gómez Yepes puxo en valor o carácter formativo e tecnolóxico de iniciativas como UVigo Motorsport e trasladou o apoio de CINTECX a un proxecto que cada ano permite a decenas de estudantes aplicar coñecementos de enxeñaría nun contorno real de deseño, fabricación e competición.
Un monopraza máis lixeiro e con importantes melloras técnicas
O UM26 presenta unha redución de peso de aproximadamente 25 quilogramos respecto ao seu predecesor, incorpora un novo motor Triumph Daytona e estrea un redeseño completo dos sistemas de propulsión e do paquete aerodinámico. Con este vehículo, o equipo competirá a finais de xullo no Formula Student Austria e, posteriormente, no Formula Student Spain, que se celebrará no Circuit de Barcelona-Catalunya.
