As próximas xeracións de investigadoras e investigadores toman a palabra na Universidade de Vigo. Un cento de estudantes de doutoramento, persoas recentemente doutoradas e profesionais do ámbito industrial danse cita hoxe martes e mañá mércores na primeira edición da Doctoral Conference in Energy, Technology and Industrial Processes (DCETIP 2026), un congreso promovido polo Cintecx – Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, que xurde con vocación internacional co obxectivo de impulsar o novo talento científico.
DCETIP nace co obxectivo de ofrecer un escenario específico para o persoal investigador en etapas iniciais interesado en presentar resultados obtidos en áreas relacionadas coa enerxía, a tecnoloxía e os procesos industriais. Durante as dúas xornadas, as persoas participantes presentarán os seus traballos e compartirán experiencias nun contexto pensado para facilitar o diálogo entre investigadores e investigadoras emerxentes e persoal científico con ampla traxectoria internacional, fomentando así a creación de redes de colaboración e futuras iniciativas conxuntas así como a transferencia de coñecemento cara aos sectores produtivos.
Dous días para compartir experiencias e crear conexións
O salón de actos da sede campus da Escola de Enxeñería Industrial acolleu o acto inaugural deste encontro que, como sinalou Ángeles Sanromán, directora de Cintecx, “nace cun propósito claro: apoiar a investigación emerxente e promover a difusión do coñecemento nos ámbitos da enerxía, as tecnoloxías avanzadas e os procesos industriais. Dous días nos que contaremos con numerosas oportunidades para o debate e o intercambio de ideas, agardamos que aproveitedes estes intres para establecer novas conexións, fomentar futuras colaboracións e desfrutar desta experiencia científica”. A directora quixo tamén recoñecer de forma especial a participación dos conferenciantes invitados, procedentes de universidades e centros de investigación de Portugal, Italia, Suecia, Polonia, Brasil e Estados Unidos. “Grazas por viaxar ata Vigo e por compartir con nós a vosa investigación, as vosas ideas e a vosa experiencia”, agradeceu.
Pola súa banda, o vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña, salientou a visión do Cintecx “de organizar un congreso para novas e novos investigadores e xerar o espazo de oportunidades para que este novo talento poida coñecese mellor, estreitar colaboracións e construír o seu futuro”. Mentres, o concelleiro Jaime Aneiros subliñou a importancia dun encontro como DCETIP26 para Vigo, “unha cidade que aposta de forma decidida polo fomento da investigación”, e recalcou “as conexións profesionais e persoais que se xerarán nestes días de encontro, tamén coa propia cidade”. A inauguración contou tamén coa participación do director da Escola de Enxeñería Industrial, José Fariña, e da directora da Escola de Enxeñería de Minas, Elena Alonso.
Programa científico con proxección internacional
Durante estas dúas xornadas o programa científico estrutúrase arredor de seis áreas temáticas que abranguen desde solucións enerxéticas innovadoras ata tecnoloxías avanzadas aplicadas aos procesos industriais, combinando investigación experimental e computacional con clara orientación á aplicación práctica.
O encontro conta ademais coa participación de destacados relatores e relatoras internacionais, como Sergi García-Segura, da Arizona State University; Ana Leite Oliveira, investigadora do CBQF – Centre for Biotechnology and Fine Chemistry da Universidade Católica Portuguesa; Carmelo D’Agostino, da Universidade de Lund; Gherhardt Ribatski, da Universidade de São Paulo; Dominique Scalarone, da Universidade de Turin; e Vítor Monteiro, do Centro Algorith da Universidade do Minho.
Coa posta en marcha desta primeira edición, Cintecx, centro colaborativo da Rede CIGUS, reforza a súa aposta por atraer talento científico de primeiro nivel e consolidar un foro internacional de referencia para a investigación emerxente promovendo a formación, a cooperación científica e a conexión entre universidade e empresa.
DCETIP26 contou coa colaboración e patrocinio da Universidade de Vigo, do Vigo Tecnolóxico, do Consello Social da Universidade de Vigo, da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO), da Cátedra Borgwarner, do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, da Deputación de Pontevedra e da empresa Amavilab.







