D. Besadío – DUVI – 23/10/2025
21 mulleres fronte a 15 homes. As profesoras lideran as novas incorporacións ao corpo de docentes catedráticos e titulares da Universidade de Vigo. Así se constatou este xoves no acto de toma de posesión do persoal docente e investigador que ao longo do ano pasado acadaron a praza de catedrático/a ou profesor/a titular, un acto celebrado no paraninfo do edificio Ernestina Otero, e ao que asistiron o reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez, xunto a secretaria xeral, Mª José Bravo Bosch.
Con estas novas incorporacións o cadro de docentes catedráticos sitúase xa en 272 persoas e o de titulares en 576, aos que habería que sumar 180 contratados/as doutores e profesores/as permanentes laborais. Son en total 1028 docentes con vinculación permanente á Universidade de Vigo, aos que se engaden o resto de figuras consolidables, tanto os que entran por necesidades docentes, como son os axudantes doutores, como o persoal investigador con compromiso de estabilidade (Ramón y Cajal, Beatriz Galindo…).
“Este é un acto para darvos as grazas e os parabéns”, subliñoulles o reitor, quen tamén lles quixo facer un pedimento, que fagan todo o que sexa posible para axudar a facer da Universidade de Vigo unha institución que axuda á sociedade. “Aquí sempre valoramos o esforzo, o mérito e a capacidade, e por iso defendemos que as persoas que verdadeiramente vos esforzades tendes dereito a promocionar”, subliñoulles o reitor, quen animou aos docentes titulares a formularse como meta acreditarse como catedráticos nos vindeiros dous anos e ás novas catedráticas e catedráticos a “non botarse a un lado e seguir facendo achegas aos vosos grupos de investigación, onde verdadeiramente sodes imprescindibles”.
Se ben non todos asistiron ao acto, neste ocasión acreditáronse un total de 16 novos catedráticos -10 mulleres e 6 homes- e 20 titulares -11mulleres e 9 homes-.
Marta Mª Pazos: “O máis difícil foi a conciliación familiar”
Entre as novas catedráticas que asistiron ao edificio Ernestina Otero, a enxeñeira Marta María Pazos Currás, docente da Escola de Enxeñería Industrial e investigadora do grupo de Bioenxeñaría e procesos sostitbles, Biosuv, adscrito ao Cintecx, admite que o máis difícil no longo camiño ata chegar a ser catedrática universitaria “foi, sen dúbida, a conciliación familiar”. Desde o seu punto de vista, manterse na carreira investigadora e conseguir todos os méritos necesarios para acadar a acreditación —docencia, publicacións de impacto, dirección de teses, dirección de proxectos competitivos, estancias internacionais, transferencia de coñecemento— e, ao tempo, atenderlle á familia é un reto constante. “Teño sacrificado moitas horas de sono para poder avanzar. O apoio da miña familia foi, sen dúbida, o máis importante, e sen eles non tería sido posible chegar ata aquí”, admite a docente.
Ao seu xuízo, o máis gratificante deste proceso é ver como todo ese esforzo se transforma en recoñecemento e en oportunidades para seguir contribuíndo á ciencia e á formación de novas xeracións”. No seu caso non considera que na carreira docente exista unha discriminación explícita como tal, polo menos nos primeiros estadíos na carreira investigadora, “pero si é certo que as tarefas tradicionalmente asociadas ás mulleres —como a conciliación familiar— poden atrasar ou dificultar o crecemento profesional”. Nesa liña, asegura que aínda que se avanzou moito, estas responsabilidades non sempre están recoñecidas nin repartidas de forma equitativa. “Por sorte, ese non foi o meu caso, xa que tiven moito apoio por parte do meu marido. A día de hoxe é moi importante que haxa máis referentes femininas e redes de apoio que axudan a visibilizar o talento das mulleres na enxeñaría e na investigación”.

