A finais do curso pasado botou a andar un novo proxecto europeo que implica entidades de nove países para avanzar no deseño de infraestruturas de transporte e mobilidade máis eficientes, seguros e sostibles dende o punto de vista ambiental. Moveo, Intelligent framework for inclusive and seamless transport infrastructure and mobility services, está coordinado pola empresa española Centro de Estudios de Materiales y Control de Obra SA e conta entre os seus socios coa Universidade de Vigo, en concreto co grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas TF1. Á fronte do equipo vigués está Joaquín Martínez Sánchez, investigador do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo e docente da Escola de Enxeñaría de Enerxía de Minas e Enerxía.
Como explica Martínez Sánchez, o sector do transporte está marcado hoxe en día por unha “rápida evolución” e a demanda de infraestruturas e servizos cada vez máis eficientes, seguros e sostibles. Entre os principais retos está a falta de integración entre infraestruturas e modos de transporte, a escasa accesibilidade e seguridade e o seu elevado impacto ambiental. Neste contexto, Moveo aposta por deseñar un marco intelixente escalable “deseñado para superar estes desafíos fomentando a integración da infraestrutura de transporte e os medios mediante o uso de tecnoloxías dixitais de vangarda”. Para facelo posible, o equipo do proxecto traballa con infraestruturas a nivel multimodal, incluíndo elementos de estrada (urbano e interurbano), ferrocarril, mobilidade activa (ciclistas ou patinetes eléctricos), transporte portuario e vías navegables interiores.
42 meses, máis de 5 m€ e socios de nove países
Cunha duración de 42 meses, o proxecto conta cun orzamento de 5,7 millóns de euros, dos que á UVigo lle corresponden 594.375€. Xunto coa institución viguesa, neste consorcio hai socios de nove países (Grecia, Italia, Lituania, Polonia, Alemaña, Dinamarca, Francia, Suíza e España). Entre eles, varias universidades, como a Universidade de Ciencias Aplicadas de Zurich, o Politécnico de Milano ou a TU Dinamarca, así como centros tecnolóxicos como o Institute of Communication and Computer Systems ligado á National Technical University of Athens e varias empresas. Por parte da UVigo, o equipo está formado, ademais de polo profesor Martínez, polos investigadores Belén Riveiro, Pedro Arias, Henrique Lorenzo, Mercedes Solla e Lucía Díaz Vilariño.
O obxectivo é optimizar a xestión de activos, mellorar a capacidade multimodal e reducir as emisións, todo iso priorizando a seguridade, a accesibilidade e a inclusión. Moveo baséase en cinco piares: avaliación e redeseño de infraestruturas; inspección e monitorización; mobilidade dixitalizada; loxística intelixente e inclusión e accesibilidade. Todo isto apoiándose en áreas de Innovación Tecnolóxica (IT) que, en conxunto, melloran tanto as infraestruturas como os modos de transporte. Ademais, para validar o proxecto realizaranse cinco demostradores en diversas rexións da Unión Europea, abarcando diferentes tipos de infraestruturas, condicións climáticas e etapas do ciclo de vida.
Un proxecto que une todos os actos implicados
A metodoloxía do proxecto está baseada nun enfoque de co-creación, involucrando activamente os interesados ao longo do proxecto a través dun Consello Asesor Externo (EAB). Este enfoque fomenta a innovación integrando diversas perspectivas dentro do marco de quíntupla hélice (academia, industria, goberno, sociedade civil e medio ambiente). “Reunindo experiencia de nove países europeos, Moveo une toda a cadea de valor no transporte e na dixitalización, incluíndo especialistas en inspección, monitorización, loxística, mobilidade e inclusión, así como usuarios finais e xestores de infraestruturas de transporte”. Deste xeito, non só se abordan os desafíos de transporte urxentes de hoxe en día, senón que tamén senta as bases para un futuro de transporte máis conectado, sostible e seguro.
