O grupo de investigación LaserON, pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo, acaba de editar Laser Based Manufacturing, un libro que ofrece unha visión ampla e actualizada das tecnoloxías de fabricación baseadas na utilización do láser. A prestixiosa editorial internacional CRC Press, pertencente ao grupo Taylor & Francis, foi a encargada de publicar este volume, dentro da colección Advanced Materials Processing and Manufacturing.
O libro foi editado por sete investigadores vinculados ao grupo LaserON: Juan Pou, Fernando Lusquiños, Mohamed Boutinguiza, Félix Quintero, Antonio Riveiro, Rafael Comesaña e Jesús del Val e a publicación é resultado da experiencia científica acumulada polo grupo ao longo de máis de 30 anos de investigación no procesamento de materiais mediante láser, así como da súa estreita colaboración con investigadores e institucións de referencia internacional.
“Con este libro quixemos reunir nunha mesma obra os fundamentos das principais tecnoloxías de fabricación mediante láser e algúns dos avances máis recentes neste campo. É tamén o resultado de moitos anos de traballo do noso grupo e das colaboracións científicas que fomos establecendo con investigadores de diferentes países”, explica Juan Pou, coordinador de LaserON.
Entre os centros que participaron na elaboración dos diferentes capítulos figuran o Fraunhofer Institute for Material and Beam Technology (Alemaña), o Laser Zentrum Hannover (Alemaña), o Advanced Manufacturing Research Center da University of Sheffield (Reino Unido), a Ruhr University Bochum (Alemaña), a KU Leuven (Bélxica), a Universitat de Barcelona e a Leibniz University (Alemaña), entre outros. Esta participación internacional pon de manifesto a rede de colaboracións científicas que LaserON foi consolidando ao longo da súa traxectoria.
Da fabricación industrial á micro e nanotecnoloxía
Ao longo de 15 capítulos, Laser Based Manufacturing aborda tanto os fundamentos físicos da interacción entre a radiación láser e os materiais como as principais tecnoloxías utilizadas actualmente na industria. Entre elas atópanse o corte, a soldadura, o recubrimento de superficies, a fabricación aditiva e o marcado mediante láser.
A obra dedica tamén unha atención especial a tecnoloxías máis avanzadas, como a polimerización mediante absorción de dous fotóns, a transferencia de materiais inducida por láser, a fabricación de nanofibras e a síntese de nanopartículas. Deste xeito, o libro abrangue aplicacións que van desde os procesos convencionais de fabricación industrial ata a obtención de materiais e estruturas a escala micro e nanométrica. Ademais, inclúe capítulos dedicados á modelización dos procesos, os avances tecnolóxicos máis recentes e á sustentabilidade, un aspecto de crecente importancia na implantación de novas tecnoloxías de fabricación.
Unha contribución á formación e á investigación
A publicación está dirixida principalmente a persoal investigador, profesionais e estudantes de enxeñaría interesados nas tecnoloxías láser e nas súas aplicacións industriais. O seu obxectivo é proporcionar unha referencia que combine os fundamentos científicos coa descrición dos procesos tecnolóxicos e dos avances máis recentes neste ámbito.
A edición desta obra constitúe tamén un recoñecemento á traxectoria do grupo LaserON da Universidade de Vigo, que leva décadas desenvolvendo investigación no procesamento de materiais mediante láser e contribuíndo ao avance destas tecnoloxías a través de publicacións científicas, patentes, proxectos de investigación e colaboracións con empresas e centros de investigación nacionais e internacionais.
