A investigadora de CINTECX Lucía Díaz valora o premio da RAGC como un apoio para «reforzar a confianza e seguir avanzando»

Foi galardoada como investigadora nova cun accésit no eido das Ciencias Técnicas

DUVI  19/06/2026
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebraron na tarde deste xoves a entrega dos II Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves, uns galardóns que buscan impulsar a investigación científica en Galicia e recoñecer e potenciar as traxectorias de persoas novas que desenvolven a súa carreira en centros de investigación galegos. Entre as e os premiados está Lucía Díaz, profesora do Departamento de Deseño na Enxeñaría da Universidade de Vigo que centra o seu traballo no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles.

Díaz Vilariño (Vilalba, 1985) forma parte do Cintecx e do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas e foi distinguida cun accésit no campo das Ciencias Técnicas. Como recoñecía no momento de recibir o galardón, “nunha etapa na que moitos investigadores e investigadoras estamos a construír a nosa traxectoria e na que, en moitos casos, vimos de períodos de inestabilidade, premios como este contribúen a poñer en valor o noso traballo e a reforzar a confianza para seguir avanzando”.

Unha experta no mantemento intelixente de infraestruturas

A investigadora da UVigo conta cunha ampla experiencia na análise do espazo urbano co obxectivo de comprender a súa influencia sobre o ser humano, de interese, por exemplo, para mellorar a accesibilidade. Díaz ten desenvolvido proxectos internacionais cunha captación para a UVigo de máis de 3,5 millóns de euros, a maior parte deles  centrados no mantemento intelixente de infraestruturas, a mellora da accesibilidade para persoas con diversidade funcional e a aplicación da circularidade e a sustentabilidade na construción.

En 2022 xa recibira a distinción ISPRS President’s Honorary Citation polas súas achegas á dixitalización da construción, converténdose na terceira persoa española, a primeira muller, en recibir este galardón.

Na categoría na que Díaz recibiu o accésit, a das Ciencias Técnicas, o premio principal foi para a investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol no eido das enerxías renovables mariñas.

“Unha nova xeración científica de altísimo nivel”

No evento participaron o secretario xeral da UIE, Pedro Otero, e o presidente da RAGC, Juan Lema, así como o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da Universidade de Santiago, Almudena Hospido.

Na súa intervención, Juan Lema fixo fincapé en que “estes premios demostran que Galicia conta cunha nova xeración científica de altísimo nivel, capaz de competir internacionalmente e de liderar áreas clave para o futuro”. Nesta liña, o presidente da RAGC manifestou que “a calidade das candidaturas fixo especialmente difícil a selección, o que é unha excelente noticia para o sistema galego de ciencia e innovación”. Puxo de relevo que “as persoas premiadas e recoñecidas cos accésits representan unha ciencia nova, internacional, rigorosa e comprometida coa sociedade, desde a sustentabilidade e a intelixencia artificial ata a saúde, a enerxía e a dixitalización”.

Pola súa parte, Pedro Otero subliñou como o das premiadas e premiados non é en absoluto un camiño exento de trabas. “Sabedes ben o que significa navegar nun océano de obstáculos. Sen dúbida, gran parte de que esteades hoxe aquí débese á vosa entrega e perseveranza, desde logo, pero creo que tamén a un decidido espírito de superación”.