DUVI 08/06/2026
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) acaban de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns teñen como obxectivo impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da comunidade en tres ramas: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. Entre as e os sete premiados nesta edición está a profesora da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo Lucía Díaz, que acadou o accésit no eido das ciencias técnicas, pola súa traxectoria na dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Nesta categoría obtivo o premio principal Laura Castro, a catedrática de Construcións Navais máis nova de España, da Universidade da Coruña.
Unha carreira centrada no mantemento intelixente de infraestruturas
Lucía Díaz Vilariño (Vilalba, 1985), é investigadora do Departamento de Deseño da Enxeñaría e forma parte do Cintecx e do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas. Recibe o accésit en Ciencias Técnicas que pon en valor a súa traxectoria no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Díaz conta cunha ampla experiencia na análise do espazo urbano co obxectivo de comprender a súa influencia sobre o ser humano, de interese, por exemplo, para mellorar a accesibilidade. Ten desenvolvido proxectos internacionais -cunha captación para a UVigo de máis de 3,5 millóns de euros-, boa parte deles centrados no mantemento intelixente de infraestruturas, a aplicación da circularidade e sustentabilidade na construción, ou a dixitalización de contornas urbanas co propósito de facilitar a vida de persoas con diversidade funcional.
En 2022 xa recibira a distinción ISPRS President’s Honorary Citation polas súas achegas á dixitalización da construción, converténdose na terceira persoa española, a primeira muller, en recibir este galardón. Ademais, a súa carreira nun eido STEM moi masculinizado levouna a formar parte da nova edición do catálogo Quero ser investigadora, editado pola UCC+i co financiamento da FECYT, no que se recollen dez historias de científicas da UVigo.
