A investigación de CINTECX chegará a máis dunha decena de países grazas ás axudas á mobilidade 2026

En total, 24 persoas investigadoras foron beneficiarias desta convocatoria, destinada a facilitar a asistencia a congresos, reunións científicas e eventos internacionais de referencia

Marco González durante su presentación en el Congreso GLASS‑LYON 2026

Un ano máis, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) reforza a súa proxección internacional en 2026 grazas ás axudas á mobilidade, que permitirán que o traballo do centro estea presente en máis dunha decena de países. En total, 24 persoas investigadoras foron beneficiarias desta convocatoria, destinada a facilitar a asistencia a congresos, reunións científicas e eventos internacionais de referencia.

Estas axudas permitirán a participación do persoal investigador do centro en citas científicas clave para a divulgación de resultados, o intercambio de coñecemento e o establecemento de colaboracións estratéxicas con outros grupos e centros de investigación a nivel internacional.

CINTECX inicia a mobilidade 2026 nun congreso internacional de referencia

As axudas á mobilidade de 2026 xa están en marcha e fixérono levando a investigación de CINTECX ata Francia. Dúas persoas investigadoras do grupo LASERON foron as primeiras en beneficiarse desta convocatoria, participando no congreso internacional GLASS‑LYON 2026, un dos encontros de referencia en tecnoloxías do vidro. Alí presentaron os avances da súa investigación predoutoral, desenvolvida no marco do proxecto europeo EVERGLASS.

Para ambas as dúas persoas investigadoras, esta experiencia supuxo unha oportunidade clave para mostrar o seu traballo ante a comunidade científica internacional, intercambiar ideas con outros especialistas do sector e comezar a construír unha rede de contactos que será fundamental na súa traxectoria investigadora.

Continuidades e crecemento dunha aposta estratéxica

A convocatoria de 2026 dá continuidade a unha liña de apoio á mobilidade consolidada nos últimos anos. En 2025, un total de 15 membros de CINTECX beneficiáronse destas axudas, participando en arredor dunha decena de congresos de investigación celebrados en países como Portugal, Italia, Francia, Grecia e España, ademais de realizar estadías de investigación en centros dos Estados Unidos e Portugal.

A financiación das axudas á mobilidade é posible grazas á Axuda para a estrutura, a mellora e o apoio aos Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS), cofinanciada por Fondos Europeos no marco do programa operativo Feder Galicia 2021‑2027.