Investigadores de CINTECX achegan a mécanica de fluídos aos pacientes de pediatría do Álvaro Cunqueiro a través do xogo

O proxecto “Aprender xogando nun hospital” é coordinado polo docente e investigador Eduardo Súarez, en colaboración con Christian Gil, Jesús Vence e Marcos Conde, docentes da Escola de Enxeñería Industrial e investigadores de CINTECX.

DUVI 11/11/2025
Naiara, Máximo e Alicia descubrían nas últimas horas como funciona un pulmón cun modelo realizado con globos e puideron ver unha fonte de auga elaborada con dúas botellas e unhas mangueiras que funcionan grazas á acción de globos inflados. Eles mesmos tamén encheron un vaso con leite e colorante, que logo desapareceu ao introducir un bastoncillo cunha pinga de xabón e experimentaron e aprenderon de xeito divertido conceptos relacionados coa tensión superficial, o fluxo laminar, a densidade ou a viscosidade, a través de experimentos como unha grúa hidráulica accionada con xiringas ou un coche propulsado por aire.

Naiara, Máximo e Alicia son os tres primeiros pacientes pediátricos do Hospital Álvaro Cunqueiro que este curso participarán nos proxecto Aprender xogando nun hospital, coordinado polo docente e investigador do Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos da UVigo Eduardo Súarez Porto, en colaboración con Christian Gil, Jesús Vence e Marcos Conde, todos docentes da Escola de Enxeñería Industrial e investigadores do CINTECX, e tamén investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. “Aprender xogando nun hospital é un proxecto de Aprendizaxe por Servizo (ApS), recoñecido na Convocatoria de Proxectos de Aprendizaxe-Servizo 2025/2026 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS”, explica Eduardo Suárez, que destaca que logo de cinco anos desenvolvendo esta actividade, este ano asinouse un acordo de colaboración estable entre a UVigo e o SERGAS.

Alumnado que se converte en profesorado que aprende xogando

Preto de 50 estudantes de 3º curso da materia Mecánica de Fluídos do Grao en Enxeñería Biomédica participarán este curso no proxecto, que se centra en amosar e realizar experimentos con pacientes pediátricos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Na primeira sesión, celebrada este luns na aula hospitalaria do centro médico vigués, nove estudantes amenizaron ao tempo que ensinaron experimentos vinculados coa mecánica de fluídos a tres pacientes pediátricos, que tamén tiveron a oportunidade, xunto ao alumando da UVigo, convertido no seu profesorado, de “construír entre todos, con auga, aceite, unha pastilla efervescente e un pouco de colorante unha lámpada de lava. Foi un dos experimentos que máis gustou, que nos pediron que se repetise e que lles permitiu levarse a cada un a súa propia lámpada de lava construída por eles mesmos”, detalla Eduardo Suárez.