actividades
 
O Cintecx organiza cada curso académico as xornadas de portas abertas nas que alumnos de colexios e institutos de Galicia visitan o centro, formado por preto de 200 investigadores que traballan en áreas como as enerxías renovables, eficiencia enerxética, aproveitamento de recursos naturais, valorización de residuos industriais, desenvolvemento e aplicación de técnicas de fabricación avanzada e novos materiais, tecnoloxías de propulsión limpas ou a intelixencia artificial.

No centro coñecen, guiados polo persoal investigador, os diferentes laboratorios e proxectos que están a levar a cabo os nosos grupos. O alumnado pode participar en diversas actividades visuais e prácticas organizadas polo persoal do centro que lles permiten achegarse aos distintos ámbitos da enxeñería e ao seu importante papel para o avance da sociedade.

Os estudantes achéganse entre outros ao campo da enxeñería biomédica, aos biomateriais e as súas contribucións para mellorar a calidade de vida da sociedade. Poden ver de primeira man o uso dos recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais e vivir experiencias prácticas sobre temas relacionados coas reaccións de combustión química.

Á marxe das visitas dos centros escolares, a divulgación do traballo realizado no CINTECX continúa ao abeiro dun plan de divulgación e transferencia á sociedade, co que se intenta chegar a todos os segmentos de idade da poboación. Así, tras as actividades con rapaces e rapazas, poranse en marcha outras accións dirixidas a persoas en idade laboral centradas “na inquedanza de como pode afectar aos seus postos de traballo unha sociedade dixitalizada e robotizada” e á poboación sénior, que poderá comprobar “como a investigación do noso centro pode beneficialos”.

Con todas estas actividades, dentro do programa “divulgando ciencia singular”, buscamos transmitir á sociedade en xeral non só todas as actividades que realizamos, senón tamén que a tecnoloxía nos axuda a conseguir unha sociedade industrial e sostible, comprometida coa conservación do planeta.