Cristian Gil, investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética de CINTECX e protagonista do mes de febreiro no calendario ilustrado do centro 2026, comparte a súa experiencia no marco da iniciativa Cámara Aberta CINTECX.
Con máis dunha década traballando en simulación de fluídos aplicada ao transporte e á eficiencia enerxética, destaca como a súa traxectoria foi evolucionando desde a súa chegada ao centro no ano 2013, tras a súa etapa formativa na Universidade Técnica de Múnic.
Nos últimos anos asumiu novas responsabilidades, incluíndo docencia e participación en proxectos de crecente complexidade, pero asegura que o maior cambio chegou coa paternidade. Gozar do permiso de paternidade e do período de lactación permitiulle reforzar o vínculo coa súa filla e reorganizar a súa rutina familiar sen frear a súa carreira científica.
Flexibilidade e compromiso: os piares para compatibilizar ciencia e coidados
Cristian explica que a flexibilidade horaria foi determinante para axustar o seu día a día, especialmente cando xorden imprevistos ou enfermidades infantís. Subliña que unha organización baseada na confianza e no cumprimento de obxectivos é esencial para que a conciliación sexa viable e real, e recoñece que non todas as familias contan coas mesmas facilidades nos seus contornos laborais.
Ademais, sinala ámbitos de mellora que poderían reforzar a conciliación na comunidade universitaria, como recuperar a proposta dunha escola infantil no campus ou revisar a obrigatoriedade das estadías internacionais, a miúdo difíciles de compatibilizar coa crianza. Para el, a investigación é unha opción profesional enriquecedora e diversa, que debería presentarse ao estudantado como unha vía próxima e accesible.
Na súa mensaxe final, destaca que “desde as institucións de investigación débese seguir coidando das persoas para que non teñan que renunciar ás súas aspiracións por ter que ocuparse da súa vida familiar” e anima ás futuras xeracións a apostar pola ciencia sen medo a ter que renunciar á súa vida persoal: “Non hai que escoller entre unha cousa e a outra; pódese conciliar.”
A entrevista completa está dispoñible no canal de YouTube de CINTECX a través da seguinte ligazón.
