O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) presenta o seu calendario ilustrado para o ano 2026, unha iniciativa que reforza o seu compromiso coa visibilidade do persoal investigador e cos valores que guían a súa actividade científica.
Baixo o lema “Compromiso, conciliación e igualdade”, o calendario reúne 12 investigadores e investigadoras do centro, que protagonizan cada un dos meses do ano. A través de ilustracións orixinais e reflexións persoais, o proxecto pon de relevo a importancia de integrar estes principios no desenvolvemento da investigación e na vida profesional.
Nesta edición participan Pedro Arias, do grupo GeoTech; Christian Gil, Eduardo Suárez e Miguel Concheiro, do grupo GTE; Marta Pazos, Xan Barreiro e Ángeles Sanromán, do grupo BIOSUV; Fidel Álvarez, técnico de laboratorio de CINTECX; Alejandro Gómez, do grupo APET; José Manuel Cruz e Ana Belén Moldes, do grupo EQ10; e Stefano Chiussi, do grupo Novos Materiais.
Cada mes incorpora unha reflexión elaborada por un dos membros do persoal investigador, destacando a relevancia de promover contornas de traballo inclusivas, favorecer a conciliación e fortalecer o compromiso social da ciencia.
O calendario está dispoñible tanto en versión impresa como dixital, podendo descargarse no apartado de Igualdade da web de CINTECX.
“Un dos retos máis importantes é o establecemento de límites entre a vida persoal e laboral”, Pedro Arias.
O investigador do grupo GeoTech, Pedro Arias Sánchez, inaugura o calendario representando o mes de xaneiro. Na súa reflexión, pon o foco na importancia de establecer límites saudables entre a vida persoal e a laboral, un aspecto clave para avanzar cara a modelos de traballo máis equilibrados e sostibles.
Recentemente, Arias foi entrevistado no marco da iniciativa Cámara Aberta CINTECX a Mulleres e Homes STEM, onde profundizou na súa traxectoria investigadora e abordou os retos actuais da conciliación, así como a relevancia do coidado das persoas maiores na organización da vida profesional.

