O Consello Galego de Universidades informa favorablemente da creación do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais

O Consello Galego de Universidades deu luz verde este luns á autorización para implantar o vindeiro curso 2021/2022 na Universidade de Vigo catro novas titulacións: o Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española; os mestrados en Sistemas Aéreos non Tripulados (xunto coa USC) e en Desafíos das Cidades Atlánticas (conxunto coa USC e a UDC), e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións (conxunto coa USC e a UDC). En total, nas tres universidades galegas implantaranse o vindeiro curso 12 novos títulos: tres graos, oito mestrados e un programa de doutoramento. Todas as titulacións contan co informe favorable da Secretaría Xeral de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consejo de Universidades. No que a graos se refire, adáptanse ao establecido no Acordo sobre o Mapa de Titulacións asinado entre a Consellería e os reitores das tres universidades do SUG en marzo de 2017.

Por outra banda, na reunión que este luns celebrou o Consello Galego de Universidades informouse favorablemente a creación do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da UVigo, unha vez acreditada a súa excelencia científica. O pleno tamén aprobou a creación da nova Facultade de Turismo da UDC, unha vez completado o proceso de desadscrición da Escola Universitaria de Turismo do Centro Español de Nuevas Profesiones para impartir o Grao de Turismo nun centro propio. Así mesmo, a adscrición do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) á Universidade de Santiago de Compostela será unha realidade a partir do curso que vén, ao abeiro do aprobado na reunión desta mañá.