La investigadora de CINTECX Lucía Díaz, distinguida en los Premios RAGC‑UIE por su contribución al avance científico en Galicia

Especializada en la digitalización del entorno construido, obtuvo el accésit en Ciencias Técnicas

DUVI 08/06/2026
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) acaban de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns teñen como obxectivo impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da comunidade en tres ramas: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. Entre as e os sete premiados nesta edición está a profesora da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo Lucía Díaz, que acadou o accésit no eido das ciencias técnicas, pola súa traxectoria na dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Nesta categoría obtivo o premio principal Laura Castro, a catedrática de Construcións Navais máis nova de España, da Universidade da Coruña. 

Unha carreira centrada no mantemento intelixente de infraestruturas

Lucía Díaz Vilariño (Vilalba, 1985), é investigadora do Departamento de Deseño da Enxeñaría e forma parte do Cintecx e do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas. Recibe o accésit en Ciencias Técnicas que pon en valor a súa traxectoria no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Díaz conta cunha ampla experiencia na análise do espazo urbano co obxectivo de comprender a súa influencia sobre o ser humano, de interese, por exemplo, para mellorar a accesibilidade. Ten desenvolvido proxectos internacionais -cunha captación para a UVigo de máis de 3,5 millóns de euros-, boa parte deles centrados no mantemento intelixente de infraestruturas, a aplicación da circularidade e sustentabilidade na construción, ou a dixitalización de contornas urbanas co propósito de facilitar a vida de persoas con diversidade funcional.

En 2022 xa recibira a distinción ISPRS President’s Honorary Citation polas súas achegas á dixitalización da construción, converténdose na terceira persoa española, a primeira muller, en recibir este galardón. Ademais, a súa carreira nun eido STEM moi masculinizado levouna a formar parte da nova edición do catálogo Quero ser investigadora, editado pola UCC+i co financiamento da FECYT, no que se recollen dez historias de científicas da UVigo.