O investigador do Cintecx Raúl Barciela gaña un premio internacional por un traballo sobre a produción de fibras nanométricas

Raúl Barciela Sánchez, investigador do grupo LaserON do centro de investigación Cintecx da Universidade de Vigo, acaba de ser galardoado co premio que outorga o Laser Institute of America ao mellor traballo presentado no 41 Congreso Internacional de Aplicacións dos Láseres e Electro-óptica, ICALEO’2022. A súa investigación, a primeira desenvolvida en España que acada esta distinción, céntrase na produción de fibras nanométricas mediante unha técnica innovadora deseñada e patentada polo seu grupo de investigación.

O simposio internacional, celebrado este mes na cidade estadounidense de Orlando, é o máis importante do mundo neste campo e, como recoñece o propio Barciela, o feito de participar nesta cita “diante dos mellores investigadores e as empresas máis punteiras da industria do láser, xa era de por si unha grande oportunidade”. Polo tanto, “a recepción deste galardón nun congreso de semellante prestixio supón, sen dúbida, un tremendo orgullo tanto para min como para o grupo laserON e un excelente recoñecemento que pon en valor todo o gran traballo que se leva realizado neste grupo arredor da investigación nas aplicacións dos láseres nos últimos anos”. Ademais, engade, “o feito de que sexa a primeira vez que se concede a un traballo realizado en España dá unha idea da dificultade e o mérito que ten recibir este premio, que contribúe a consolidar o noso grupo como referente a nivel mundial neste campo, á vez que supón un estímulo para seguir traballando e innovando”.