O grupo CIMA traballa no deseño dun dispositivo que permitirá predicir crisis epilépticas con varios minutos de antelación

Uns 50 millóns de persoas no mundo, segundo a OMS, e unhas 350.000 en España, padecen epilepsia, un trastorno do cerebro, causado por un funcionamento anormal esporádico dun grupo de neuronas. Só en España, cada ano se diagnostican máis de 20.000 novos casos, o que converte á epilepsia no segundo motivo de consulta ambulatoria neurolóxica despois das cefaleas. Aínda que existen moitas causas que poden provocala (lesións ou desenvolvemento cerebral anormal, enfermidades…), a día de hoxe non existe ningunha forma de previr as crises, que no 70-80% das e dos pacientes se tratan con fármacos antiepilépticos.

Aínda que a maioría das crises epilépticas non ocasionan accidentes graves ás persoas que as padecen, a posibilidade de detectalas antes de que se produzan contribuiría de xeito significativo a mellorar a súa calidade de vida. “A nosa proposta busca desenvolver un dispositivo que permita predicir crises epilépticas con varios minutos de antelación. O dispositivo rexistrará sinais de electroencefalograma (EEG) para analizalas con intelixencia artificial (IA) e buscará patróns que permitan a predición dunha crise”, explica Carlos Riveiro Cedeira, investigador do grupo CIMA da UVigo, que está a desenvolver o dispositivo ao abeiro do proxecto PredictEPI, financiado pola multinacional Indra e a Fundación Universia. “O obxectivo principal é demostrar que é posible predicir as crises epilépticas en tempo real e en pacientes que realicen unha vida normal, fóra da clínica, e buscar o límite ata o cal a tecnoloxía pode chegar en termos de fiabilidade e tempo de predición”, sinala o investigador, que destaca que CIMA xa traballara no pasado en proxectos enmarcados no ámbito da biomedicina, ademais de ter experiencia no uso de intelixencias artificiais. “Non obstante, a idea de xuntar IA para detectar ou anticipar sucesos a nivel neurolóxico é unha liña na que nos embarcamos agora con este proxecto, e que esperamos que nos leve a facer moitos máis”.