En febreiro de 2022 comezaron as xornadas de portas abertas do Cintecx correspondentes o ano 2022, que se organizan ao abeiro do programa Divulgando Ciencia Singular, e que permiten coñecer cada ano a centos de alumnos de colexios e institutos galegos os diferentes laboratorios e proxectos que están a levar a cabo os nosos grupos de investigación. O alumnado pode participar en diversas actividades que lles permiten achegarse aos distintos ámbitos da enxeñería e ao seu importante papel para o avance da sociedade.

O Colexio Miraflores de Ourense inaugura a primeira das xornadas de portas abertas do ano 2022 en CINTECX – 14 de febreiro de 2022

Actividades

Taller de combustión: “Combustión: The Sci-Ence Games

Guiados pola investigadora da área de Enerxía, Raquel Orozco, puideron aprender dende os conceptos máis simples ata a súa aplicación a sistemas complexos e reais coma motores de combustión, plantas de xeración de enerxía, entre outros.

 

“Intelixencia artificial: Érase unha vez un mundo de datos”

O investigador Jesús Rico explicoulles dunha maneira interactiva a aplicación destas novas tecnoloxías ao mundo da enxeñería. Neste caso, tiveron que resolver un problema de visión artificial e aprenderon a importancia da compilación de datos, desenvolvendo a súa capacidade resolutiva e a súa imaxinación.

 

Deseño mecánico e mecatrónico

No auditorio de CINTECX, o alumnado puido mergullarse de cheo nas experiencias no deseño mecánico e mecatrónico propostas polo investigadores Ángel Vilán, Gabriel Fontenla e Carlos Riveiro, que presentaron os seus proxectos como o satélite Xatcobeo, o brazo submarino TitanRob, o proxecto Demowave para aproveitamento da enerxía das mareas, robots dotados de intelixencia artificial, detección temperá de incendios forestais, etc. Como sorpresa, houbo tempo para desenvolver actividades interactivas relacionadas coa mecánica na que os estudantes puxeron a proba os seus coñecementos sobre o funcionamento da realidade que lles rodea.

 

Actividades no laboratorio

Nun dos laboratorio do centro e da man dos investigadores Iago Pozo, María Pazo e Xurxo Rigueira, os estudantes por grupos profundaron nas últimas técnicas empregadas para a extracción das tinguiduras, pasando por técnicas láser e biolóxicas, sen esquecernos da necesidade de respectar o noso patrimonio construído. Ademais, falaouse das últimas inquietudes a nivel europeo centradas na conservación de murais constituíntes do actual street art.

 

Desenvolvemento sostible e biotecnoloxía

O programa terminou coa actividade de desenvolvemento sostible e biotecnoloxía, na que a investigadora Xanel Veciño da área de Sustentabilidade e Recursos Naturais do Cintecx, guiou aos estudantes en diferentes experimentos de tratamento de augas coloreadas empregando absorbentes producidos a partir de residuos e inmobilizacións con alxinato.

 

Imaxes da actividade