Día de la mujer y de la niña en la ciencia en CINTECX: Carmen Pérez, Catedrática de Universidad

Carmen Pérez

Catedrática de Universidade

Licencieime en Ciencias Químicas, pola Universidade de Santiago en 1989. Nesta mesma Universidade acadei o título de Doutora en Ciencias Químicas no ano 1998.

Incorpórome a Universidade de Vigo no ano 1992, acadando a praza de Profesora Titular de Universidade no ano 2000 na Área de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica que pertence ao Departamento de Enxeñaría de Materiais, Mecánica Aplicada e Construción. No ano 2019 promocionei a Catedrática de Universidade na mesma área, na cal levo a cabo toda a miña labor docente.

A miña actividade investigadora desenvólvense dentro do grupo ENCOMAT (Enxeñaría de Corrosión e Materiais) e céntrase no estudio dos fenómenos de corrosión e nas estratexias para a súa prevención. Especificamente, os traballos céntranse no control da corrosión por modificación superficial a escalas nano e micrométrica, mediante recubrimentos orgánicos, inorgánicos e híbridos.

Parte da miña carreira investigadora desenvolveuse en diversos centros estranxeiros liderados por investigadores de recoñecido prestixio como na University of Southern California co Prof. Florian Mansfeld, entre 1994 e 1995, e na Universitá degli Studi di Trento co Prof. Pier Luigi Bonora, no ano 1999.

Tamén fun subdirectora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, entre os anos 2013 e 2016.

 

Cando comezaches a túa carreira, tiveches algún referente feminino?

A verdade é que non. Xa na miña época de estudante, Ciencias Químicas era unha carreira na que o alumnado feminino era, se non maioritario, bastante equilibrado co masculino. Non así o profesorado, maioritariamente masculino.

 

Como describirías a túa carreira ata acadar a cátedra?

Eu definiríaa como longa. É necesario acadar experiencia nos diversos ámbitos universitarios. Experiencia en investigación (publicación de artigos, dirección de teses ou proxectos de investigación), en docencia (non só impartindo de clases, se non tamén formando parte na elaboración de novos plans de estudos) e na xestión universitaria (como membro de Xunta de Escola, Comisión Permanente, etc.). Indubidablemente require unha elevada dedicación.

 

Con que dificultades te atopaches para desenvolver a túa carreira profesional? Hai más trabas polo feito de ser muller?

As maiores dificultades está ligadas coa pregunta anterior. Acadar experiencia nos diversos ámbitos universitarios esixe unha elevada implicación. Por outro lado, a Universidade de Vigo é relativamente nova, co que os grupos de investigación estaban en plena formación cando me incorporei, co que foi necesario arrancar case dende o principio.

Non tiven máis trabas por ser muller, pero é certo que non teño fillos, non sei se o meu nivel de implicación sería o mesmo nesa situación.

 

Que teitos de cristal cres que aínda quedan por romper en torno ás mulleres en ámbitos científicos e da investigación?

Creo que nos falta máis ambición. En xeral, non nos postulamos a cargos de alta responsabilidade, como reitoras, por exemplo. Aínda que o número de catedráticas é claramente inferior que o de catedráticos, non se xustifica a desigualdade entre o número de reitoras fronte a reitores.

Estamos tan capacitadas como os homes para levar a cabo calquera das funcións que se levan a cabo no ámbito universitario.

Cres que estamos avanzando na igualdade entre homes e mulleres científicas?

Non estou segura. Si creo que o número de investigadoras estase a incrementar, sobre todo na formación de doutoras e incluso na incorporación a universidade. Pero penso que a carreira tende a frearse antes de promocionarse.

A Universidade é un reflexo da evolución da sociedade. Penso que estamos lonxe de acadar a igualdade real entre homes e mulleres, aínda que sobre o papel parece que exista.

Como animarías ás nenas e mozas estudantes a dedicarse á investigación?

Penso que se lles gustan os desafíos deben dedicarse á investigación. É un traballo cheo de retos, tentar interpretar o entorno, e a procura de solucións ou respostas ás demandas da sociedade é a esencia da investigación. Formar parte dese reto seguro que lles resulta fascinante.

 

Tes algunha frase propia e persoal que poña en valor a investigación en feminino?

A investigación só avanza se as mulleres estamos plenamente inxeridas nela.