Día de la mujer y de la niña en la ciencia en CINTECX: Belén Riveiro, Investigadora Principal de Proyectos Internacionales

Belén Riveiro

Investigadora Principal de Proxectos Internacionais

 

Belén Riveiro Rodríguez é profesora contratada doutora no Departamento de Enxeñaría de Materiais, Mecánica Aplicada e Construción da Universidade de Vigo. É Doutora pola Universidade de Vigo (2011), Mestrado en Enxeñaría da Construción (2015), Enxeñeira de Montes (2006). En 2011 incorporouse como profesora na Universidade de Newcastle (Reino Unido) e realizou varias estadías de investigación posdoutorais: Delft University of Technology (Holanda, 2016), Universidade de Cambridge (Reino Unido, 2015), Universidade de Minho (Portugal, 2012 e 2014). A súa investigación céntrase na aplicación de tecnoloxías de teledetección á enxeñaría estrutural para o modelado automático, inspección e supervisión mediante técnicas de aprendizaxe automática. Dende o ano 2018 coordina varios proxectos centrados na mellora de resiliencia das infraestruturas críticas, onde destacan 2 proxectos de carácter internacional: unha acción do programa H2020 centrado na resiliencia das infrastruturas do transporte terrestre a eventos extremos que implica a 14 socios de 8 países diferentes, e outra acción financianda no programa Interreg Espazo Atlántico, sobre a resiliciencia das infrastrutuas aos riscos máis frecuentes nas rexións atlánticas.

 

Cando comezaches a túa carreira profesional, de docente e investigadora, tiveches algún referente feminino?

Durante a miña adolescencia/xuventude, Marie Curie foi quizais a primeira referencia que tiven acerca da investigación, e a verdade é que sentía (e aínda o sinto) moita admiración por ela e máis polas circunstancias nas que tivo que desenvolver a súa carreira. No momento en que me incorporei á carreira docente, o certo é que no meu ámbito a maior parte dos investigadores máis recoñecidos eran homes, non obstante si me gustaría destacar que durante os últimos anos houbo un importante incremento de mulleres que destacan pola súa traxectoria profesional no meu ámbito.

 

En qué proxectos estás colaborando a día de hoxe? Que che aporta a investigación?

actualmente participo en varios proxectos de ámbito nacional (2 proxectos, financiados pola Axencia Estatal de Investigación e máis pola Fundación BBVA a través dunha Bolsa Leonardo) e internacional (4 proxectos do programa H2020 e 1 proxecto Interreg), casi todos centrados na utilización de xeotecnoloxias e outras técnicas de monitorización estrutural para a documentación, inspección, monitorización e avaliación de infraestruturas críticas tales como pontes, estradas, redes ferroviarias, etc. Para levar a cabo a análise dos datos integramos métodos de análise avanzados baseados en intelixencia artificial, tales como a Aprendizaxe Automática (Machine Learning) e Aprendizaxe Profunda (Deep Learning).

Dentro das responsabilidades como Profesora de Universidade, o certo é que a investigación é a compoñente que máis me gusta. Primeiro porque é un traballo que nos obliga a seguir aprendendo todos os días e nos permite contribuír á xeración de novo coñecemento. Ademais, polas condicións nas que deselvolvo a miña investigación. Por exemplo, gracias ao financiamento que recibimos a través de proxectos de investigación, e que típicamente nos permite traballar en grandes equipos, con socios de diferentes disciplinas, diferentes países e culturas, e involucrando a persoas dos sectores académico e industrial, ao final resulta unha experiencia moi enriquecedora tanto dende o punto de vista profesional como persoal.

 

Actualmente compaxinas o teu labor docente e investigador coa xestión e coordinación de proxectos europeos, como consegues conciliar vida laboral e familiar?

A conciliación familiar é quizais a parte máis complicada na miña vida actual. Non obstante, teño a sorte de contar con apoio familiar para que tanto a miña parella coma min poidamos conciliar os nosos traballos co coidado da nosa filla. Aínda así, iso non evita que en determinados momentos sexa duro compatibilizar a maternidade con certas obrigas derivadas da participación en proxectos europeos. No meu caso, creo que o máis duro foi ter que facer viaxes de varios días deixando un bebé de poucos meses na casa.

 

Con que dificultades te atopaches para desenvolver a túa carreira profesional? Atopaches máis trabas ao liderar equipos polo feito de ser muller?

Unha das principais dificultades ás que me tiven que enfrontar nesta profesión foi o cambio nas metodoloxías de aprendizaxe. Cando rematei a carreira estaba acostumada a que a para a maior parte dos contidos que tiña que estudar, os profesores me guiasen (apuntes, libros máis relevantes, etc.). Cando me iniciei na investigación, descubrín que ninguén facilitaba o material a estudar, senón que era a miña responsabilidade pesquisar cales eran as mellores referencias para aprender, artigos máis relevantes, libros, etc.

Outras dificultades coas que me atopei durante etapas previas da miña carreira profesional están relacionadas cos idiomas cando tiven que facer estadías de investigación no extranxeiro, integrarme en diferentes culturas e con equipos de traballo con diferentes dinámicas ás que eu estaba acostumada. Non obstante, estas últimas dificultades tornáronse en oportunidades de cremento persoal, e en poucas semanas/meses conseguía atoparme a gusto en todos os países aos que me tiven que desplazar durante a miña formación pre- e posdoutoral.

En canto a dificultades engadidas polo feito de ser muller, teño que dicir que non son consciente de que o meu xénero me causase ningunha dificultade. Tiven a sorte de trallar sempre con equipos onde o que se valora é o esforzo, o traballo en equipo, a capacidade e o mérito, polo que o xénero das persoas nunca facilitou nin dificultou o nosa labor.

 

Coordinar proxectos internacionais axudouche a superar algunhas dificultades na túa carreira?

Teño que decir que a pesares do volume de traballo que supón a coordinación de proxectos europeos, a aprendizaxe que supón compensa sobradamente o esforzo. No meu caso, agora que o proxecto máis grande que coordinei (cun orzamento de 4,5 millóns de euros e 14 socios de diferentes países) está a piques de rematar, se fago balance de todo o que aprendín nestos anos, a verdade é que gañei moito a nivel coñecementos, capacidade de coordinación e trato con personas de culturas diferentes, mellora nas miñas habilidades de comunicación, etc. Ademáis, coa experiencia gañada resúltame moito máis fácil establecer relacións con novos potenciais colaboradores, preparación de novas propostas competitivas, etc.

 

Como animarías ás nenas e novos estudantes a dedicarse á investigación?

Pois a día de hoxe penso que a sociedade é consciente de que cada día nos enfrontamos a novos retos e problemas para os que non existen solucións. Sendo conscientes disto, poucos argumentos son precisos para convencer aos mozos de que está nas súas mans a posibilidade de xerar o coñecemento do futuro.

 

Tes algunha frase propia e personal que poña en valor a investigación en feminino?

A investigación é a ferramenta que temos para crear o coñecemento do futuro.  Para chegar a desenvolver unha carreira de éxito temos as chaves que son o compromiso, a paciencia, a humildade, a perseverancia, e sobre todo,  nunca perder a ilusión.