26 investigadores e investigadoras da UVigo, no ránking dos máis citados da Stanford University

Unha das facianas do traballo investigador é a difusión dos avances acadados en publicacións científicas. As citas que unha ou un investigador ten, a súa cantidade e o tipo de publicacións nas que se inclúen, son tidas en conta en diferentes eidos académicos e investigadores. Co obxectivo de ofrecer “información estandarizada sobre citas”, desde a Stanford University púxose en marcha unha base de datos que recolle os indicadores das e dos investigadores máis citados do mundo nos diferentes campos de coñecemento. Nela, a Universidade de Vigo conta coa presenza de 26 científicas e científicos, encabezados polo catedrático David Posada, que ocupa no campo da Bioloxía Evolutiva o primeiro posto en España e o noveno no mundo en canto a citas.

A base de datos de finais de 2019 foi publicada recentemente, baseada no traballo de PLOS Biology, e está coordinada por John P. A. Ioannidis, de Stanford University (USA); Kevin W. Boyack, de SciTech Strategies, Inc. (USA) e Jeroen Baas, de Research Intelligence, Elsevier B.V (Países Baixos). Segundo explican na súa presentación, ante o feito de que as métricas de citas empréganse amplamente pero de xeito incorrecto, puxeron en marcha esta base de datos dispoñible publicamente e que enumera case 160.000 científicas e científicos “de primeiro nivel”, é dicir, investigadores no 2% superior de citas, proporcionando de cada un información estandarizada sobre citas, índice h, índice hm axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. A base de datos abrangue 22 campos científicos e 176 subcampos e permite coñecer os resultados das e dos investigadores ou ben tendo en conta toda a súa traxectoria ou ben só os datos referidos concretamente ao ano 2019.